Muros, un concello enteiro contra o Black Friday

Presentación da campaña

Presentación da campaña / Concello de Muros

El Correo Gallego

O Concello de Muros presentou hoxe a súa campaña para impulsar o consumo responsable e o comercio local e de proximidade, facendo fronte ás ofertas das grandes cadeas como o Black Friday.

A campaña, promovida dende o concello e coordinada por varios axentes locais comprometidos como son Espazo A Maceta, Fresco y del Mar, Auga e Sal e Galuriña, presentouse no antigo cine París de Muros coas intervencións de María Lago, alcaldesa de Muros; Laura Eiras, concelleira de Promoción Económica, e Alba Fernández, coordinadora da campaña (Espazo a Maceta).

“Muros Consume Consciente é unha campaña para concienciar sobre a necesidade dun consumo responsable, ademais de apoiar ao comercio local a loitar contra as prácticas consumistas das grandes superficies, que afogan ao comercio de proximidade”, explicou María Lago.

Un intre do acto de presentación da campaña "Muros consume consciente"

Un intre do acto de presentación da campaña "Muros consume consciente" / Concello de Muros

“Consultado o comercio local, todo o sector coincide en que campañas como o Black Friday o que fan é limitar as súas posibilidades e renunciar aos beneficios con moita máis carga de traballo”, engadiu a alcaldesa.

En palabras de Lago, “cremos que hai que darlle unha volta a esta situación, coñecendo tamén a irresponsabilidade que hai detrás destas prácticas consumistas, promovendo un consumo responsable e apoiando á sociedade e o comercio local”. “En definitiva, dándolle cor ao venres negro”, rematou.

Laura Eiras agradeceu “a implicación que desde un primeiro momento mostrou o comercio local” e Alba Fernández apuntou que “a campaña está deseñada para transmitir a mensaxe do consumo consciente dende a comunidade educativa e creando dinámicas de participación cos veciños de Muros”.

Lembrou por último as actividades previstas para os próximos días, “con iniciativas de concienciación cos centros educativos, mesas de debate, exposicións, vestindo de negro os escaparates dos baixos para despois facer instalacións de tape art sobre eles, ou a lectura dun manifesto o próximo venres, 24 de novembro”.