O eco musical dunha árbore eterna

O lutier Daniel Romar Sambade construirá un clavicémbalo coa madeira do centenario abeto grego do IES Fernando Blanco de Cee, que derrubou un temporal hai un mes

Replicará un instrumento similar de 1638

Reservarase unha póla para que un artista faga unha talla que se colocará onde estivo o exemplar

O abeto grego do Instituto Fernando Blanco de Cee que derrubou o temporal

O abeto grego do Instituto Fernando Blanco de Cee que derrubou o temporal / ECG

O pasado día 17 de outubro desplomábase en Cee debido a un temporal o centenario abeto grego do xardín botánico do Instituto Fernando Blanco. Pero a madeira desta emblemática árbore gardouse á espera de darlle un fin á súa altura. Así que esta semana celebrouse unha reunión a tal fin, na que participaron membros do Padroado da Fundación Fernando Blanco, como entidade propietaria da árbore, e do equipo directivo do instituto, como encargado da xestión e funcionamento do centro, así como representantes dos partidos políticos de Cee en nome da veciñanza, pois o legado do fundador é patrimonio de todos os ceenses.

E a proposta elixida foi a do lutier, compositor e teórico da música, Daniel Romar Sambade, natural de O Ézaro e afincado en Cee: construír un clavicémbalo e doalo, sen custe, á mencionada fundación.

O clavicémbalo a replicar será un modelo orixinal dos Países Baixos do ano 1638, do construtor Ioannes Ruckers de Amberes, conservado no Instrument Museum St. Cecilia’s Hall de Edimburgo. O instrumento será entregado á fundación dentro de aproximadamente dezaoito meses (tempo necesario para o serrado de táboas, secado, mecanizado e elaboración do clavicémbalo).

Unha talla simbólica e un anaco de tronco

Ademais, reservarase un tramo dunha das pólas para que un artista poida elaborar unha talla simbólica coa idea de colocala no lugar onde o abeto estaba plantado, así coma tamén un anaco do tronco para que dende o Club de Ciencias do instituto poidan datar con exactitude a idade do abeto segundo os aneis de crecemento (dendrocronoloxía).

A proposta de Daniel Romar foi do agrado de todos os asistentes á xuntanza por diversas razóns: pola beleza do instrumento a elaborar, que enriquecerá o patrimonio da fundación; por ser a madeira do abeto grego moi apreciada na lutería de instrumentos musicais de corda; pola conexión da peza coas ensinanzas musicais impartidas no IES Fernando Blanco dende a súa inauguración; e por ser Romar un artista local.

Clavicémbalo que se construirá coa madeira do abeto grego do Instituto Fernando Blanco de Cee

Clavicémbalo que se construirá coa madeira do abeto grego do Instituto Fernando Blanco de Cee / ECG

O clavicémbalo, tamén coñecido como clavecín, clave, clavicémbalo, gravicémbalo ou cémbalo, é un instrumento musical con teclado e de corda pulsada (a diferenza do piano ou do clavicordio, que son instrumentos de corda percutida). Foi un dos instrumentos máis populares durante o Barroco, aínda que foi caendo no esquecemento durante as últimas décadas do século XVIII, momento no que os compositores se decantaron polo fortepiano (antepasado do piano moderno).

Daniel Romar é titulado superior en Composición e Teoría da Música. Xa de ben novo amosou fascinación polo traballo coas mans, o que o levou a interesarse pola lutería (concretamente polo clavicémbalo).