Plan de reactivación de Ames: o Concello mobiliza 61.000 euros para comercio e hostelería

A contía bonificada reducirase en función da compra feita

Unha app permitirá ós establecementos usar códigos QR nos descontos

Pola esquerda, o técnico Jorge Couñago, o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira Ana Belén Paz

Pola esquerda, o técnico Jorge Couñago, o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira Ana Belén Paz / C.A

O Concello de Ames retoma o programa de incentivos a través de tarxetas bono, co obxectivo de contribuír á reactivación económica do comercio e da hostalería local. A edición deste ano, que leva por nome Bonos Consuma, foi presentada polo alcalde, Blas García; a edil de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o técnico municipal responsable da campaña, Jorge Couñago.

Previamente asinouse o convenio entre o alcalde e José Manuel Vilariño, representante de Abanca, entidade colaboradora na campaña.

Con esta iniciativa póñense en circulación 61.000 € repartidos en bonos de 50 €. Esta contía irase reducindo en función da compra realizada. Os bonos están dirixidos á veciñanza de Ames e doutros concellos que mercan no municipio. Para esta campaña creouse unha páxina web e unha aplicación móbil, para que os establecementos se adhiran e para que as persoas que queiran dispor dos bonos os poidan descargar.

A campaña comeza este mércores coa apertura das inscricións para os establecementos interesados en participar, e prolongarase ata o 31 de xaneiro. Este ano destinaranse, en convenio con Abanca, 80.000 € aos Bonos Consuma. A maior parte deses fondos vaise destinar a axudas directas para a adquisición dos bonos, pero unha parte está destinada a sufragar a creación da web (www.bonosconsuma.gal) e aplicación móbil.

O obxectivo destas ferramentas é que supoñan unha descarga de traballo para os comerciantes, aos que lles é máis doado empregar códigos QR á hora de aplicar os descontos.

Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de ata 50 € para as compras que se fagan nos establecementos adheridos, e poderase usar ata o seu esgotamento ou, se é o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.

O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada: desconto de 5 euros en compras iguais ou superiores a 10 euros, e inferiores a 30 euros; desconto de 10 euros en compras iguais ou superiores a 30 euros, e inferiores a 50 euros; e desconto de 15 euros en compras iguais ou superiores a 50.