O abadexo regresará a todas as lonxas polo Nadal tras un acordo para habilitar máis cotas de pesca

A Federación Galega de Confrarías negociou co Ministerio ante o malestar da frota que faena ao norte de Fisterra polo peche da pesqueira

O pósito de Malpica liderou as queixas e agardan que se reabra a partir do vindeiro día 5

Catro exemplares de abadexo de cinco kilos cada un, poxados na lonxa do porto pesqueiro de Malpica de Bergantiños / confraría de malpica

Catro exemplares de abadexo de cinco kilos cada un, poxados na lonxa do porto pesqueiro de Malpica de Bergantiños / confraría de malpica / J. M. RAMOS

As queixas lideradas polo pósito de pescadores de Malpica e as xestións realizadas nos últimos días polas federacións provincial e galega de confrarías ante o peche da pesca de abadexo na costa que abrangue dende o norte de Fisterra ata Francia comezan a dar os seus froitos. “Segundo nos comunicaron na xuntanza da federación provincial celebrada este sábado hai un principio de acordo co Ministerio de Pesca para que a frota poida saír pescar este peixe de cara á campaña do Nadal”, afirmou o patrón maior malpicán, Pedro Perez.

Así o confirmou tamén o presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, sinalando que “en principio o responsable do Ministerio confirmounos que xa hai 20 toneladas dispoñibles e que tentarán conseguir máis para que a frota poida acabar o ano”. O obxectivo é poder reabrir a pesqueira na zona norte a partir do 5 ou o 6 de decembro”, para poder aproveitar o mes de decembro, “pois esta especie é fundamental para a frota artesanal, para a cal os meses de novembro e decembro son vitais”, afirmou.

O problema de esgotamento de cotas vén xa de tempo atrás, “e atopámonos cada ano que, cando chega o mellor mes para esta especie, non podemos pescala”, subliña o patrón maior de Malpica. A importancia do abadexo en portos como o malpicán está cuantificada. “Na nosa lonxa, entre o 30 e o 40 por cento dos ingresos no mes de decembro son xerados por esta especie”, subliña Pedro Pérez.

Ademais de poder retomar a pesqueira do abadexo este ano, segundo o presidente da federación galega e o patrón maior malpicán, tamén se contempla un cambio na xestión das cotas de cara ao vindeiro ano. A proposta do sector é que “as cotas, que están repartidas por trimestres, se acumulen cando non se esgoten nalgún deles. Deste xeito, poderíase chegar a decembro con topes suficientes para non ter que pechar a pesca desta especie”, afirmou Pedro Pérez. Até agora, engadiu, a cota que non se pesca no trimestre asignado acaba perdéndose e a frota non pode facer uso da mesma. Asemade, estudarase a opción de pechar o mes de agosto a esta pesqueira porque “case ninguén vai ao abadexo”.

O patrón maior malpicán destaca que este “é un peixe que cotiza moi ben no Nadal. De feito, engade, xa en semanas pasadas se rexistrou unha repunta do prezo en lonxa “e as pezas de entre dous e cinco quilos pagáronse entre 9 e 12 €/kg, cando ao longo do ano os prezos medios sitúanse entre 5 e 6 €”, subliña o patrón maior.

Ante o peche das capturas, varios barcos con base no porto de Malpica víronse obrigados a cambiar a arte dos miños para dedicarse á pesca de rodaballo e maragotas, “pero iso fai que nesta época de mal tempo teñan que faenar máis preto da costa, e iso supón un maior risco, máis traballo e menos rendemento”, polo que, de confirmarse a reapertura da pesqueira do abadexo “o normal é que volvan cambiar de aparello”.

Ademais, segundo sinala Pedro Pérez o problema do abadexo non é de escaseza de recurso. “Haber hai peixe, e ademais esta é a temporada propia desta especie, pero o atranco para pescar témolo coas cotas”.

MÁIS DE 269.000 KILOS EN 2023

O abadexo, que se achega a súa temporada forte, xerou no que vai de ano máis de 1,9 millóns de euros de facturación nas lonxas galegas, nas que se poxaron máis de 269.200 quilos desta especie, segundo os rexistros de Pesca de Galicia. Unhas cifras semellantes ás contabilizadas no mesmo periodo de 2022.

O peche da pesqueira na zona situada ao norte de Fisterra afecta principalmente aos portos de Malpica, Laxe e Cedeira, na provincia da Coruña, e aos de Celeiro e Burela, na de Lugo, que son nos que se rexistra un maior volume de capturas, despois do da Coruña, que lidera as vendas de abadexo en Galicia, xunto co de Ribeira. Polo momento, na zona sur segue pescándose esta especie “porque aínda temos cota, aínda que moi pouca”, sinala José Antonio Pérez Sieira.