Os percebeiros de Muxía comezarán a mariscar nas mellores pedras da Barca o 14 de decembro

Un percebeiro faenando nunha das rochas da costa de Muxía / s. Pérez

Un percebeiro faenando nunha das rochas da costa de Muxía / s. Pérez / J. M. RAMOS

Achégase o Nadal e os percebeiros teñen postas as súas esperanzas nas mellores pedras, nas que se crían os crustáceos máis cotizados. En Muxía comezarán a colleitar os percebes das prezadas pedras da Barca, na contorna do santuario, a partir do 14 de decembro, segundo confirmou Santiago Pérez, secretario da agrupación de mariscadores. “Do 11 ao 14 baixaremos a outras da mesma zona, pero non son as mellores”, engadiu. As expectativas, a priori, son boas “pero vai depender do tempo, porque na semana do Nadal hai moi mala marea”.

Despois dun mes de outubro no que a cotización dos mellores percebes chegou a superar os 100 €/kg, “en novembro xa baixou, porque comezou a campaña da centola e as economías non dan para todo”, sinala Pérez Haz. Así, “os que antes se pagaban entre 80 e 100 euros o quilo, agoran cotízanse a 50 e 60”.

En Malpica, o de máis calidade estase a pagar entre 60 e 70 €/kg, o mediano entre 40 e 50, e o pequeno a 20 euros o quilo, segundo o patrón maior e percebeiro, Pedro Pérez.