Costa da Morte invita a explorar os seus ceos e a vivir emocións

Cento corenta persoas asistiron ao terceiro Encontro de Turismo

O físico baiés Jorge Mira foi proclamado embaixador do xeodestino

Muíño, esqu, Merelles, Rodríguez e Regueira, no encontro en Laxe

Muíño, esqu, Merelles, Rodríguez e Regueira, no encontro en Laxe / cmat

O III Encontro de Turismo de Costa da Morte reuniu en Laxe a 140 representantes de 17 concellos, profesionais, entidades e empresas vinculadas ao sector turístico. Unha xuntanza na que, ademais de facer balance do labor de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), ente xestor do xeodestino, a especialista Nuria Espasandín, de Toxio.gal, deu a coñecer novas fórmulas de promoción en liña “que están á nosa disposición e só toca aproveitalas ben, pensando no púiblico, vendendo emocións que poidan chegar a deixar pegada”.

Óscar Blanco, de Trevinca Skies, subliñou as “inmensas posibilidades” da astrofotografía e o astroturismo, convidando a “explorar os ceos da Costa da Morte e abrindo as portas a un universo de experiencias únicas”. Pola súa banda, Emilio Cuíñas, de Autoxiro, resaltou que a implantación do Sistema Integral de Calidades Turística (Sicted) “representa un paso significativo cara a excelencia, evidenciando o compromiso de todo o sector coa calidade e o traballo en rede”.

Ao econtro sumouse tamén o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen salientou o papel da Costa da Morte no modelo turístico galego, e subliñou que conta “co apoio da Xunta para poñer en valor a súa capacidade para consolidar e ampliar a oferta, e contribuír ao desenvolvemento económico e social deste territorio”.

Lembrou que nos últimos anos investíronse máis de 300.000€ “cos que os xestores do destino avanzaron na sustentabilidade, formación e planificación do turismo na Costa da Morte, con accións transversais”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou a sustentabilidade e calidade da Costa da Morte, “un destino moi competitivo no escenario mundial do turismo”. Apuntou a necesidade de apostar pola innovación: “Temos o produto, e tamén o talento e a creatividade para o desenvolvemento do mellor xeito”.

Jorge Mira, recibindo a distinción de Embaixador de Costa da Morte, de mans da alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez

Jorge Mira, recibindo a distinción de Embaixador de Costa da Morte, de mans da alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez / CMAT

O presidente da CMAT, Manuel Muíño, amosou o seu optimismo sobre o porvir do sector turístico, e Marta Rodríguez, secretaria técnica asegurou que “cada paso que damos é froito dun esforzo colectivo”. A este respecto, Pepe Formoso, presidente de APTCM, sinalou que “só co asociacionismo lograremos avanzar. Imos polo bo camiño, pero temos que ir todos da man, empresarios e administracións”.

O acto rematou coa entrega do recoñecemento de Embaixador da Costa da Morte 2023 ao catedrático baiés da USC, Jorge Mira, polo “seu compromiso coa terra”. Dixo que “é un privilexio que comparto con toda a comunidade”, amosando o seu orgullo “por contribuír ao esforzo colectivo para potenciar o turismo”.