Sentida homenaxe a Xan María Castro Paz no Pazo da Peregrina

O alcalde dirixíndose aos asistentes á homenaxe

O alcalde dirixíndose aos asistentes á homenaxe / C. Ames

O Concello de Ames rendeu unha sentida homenaxe Xan María Castro Paz, falecido en novembro e que fora presidente da Fundación 10 de Marzo e secretario xeral de CC.OO. en Galicia entre os anos 2000 e 2009. No acto, celebrado no Pazo da Peregrina, o alcalde, Blas García, agasallou á familia cun retrato do sindicalista, e ao remate descubriuse unha placa xunto a unha árbore plantada na honra de Xan María.

A sala de exposicións encheuse de amigos e amigas do que fora veciño de Ames durante 30 anos. O rexedor louvou a súa “longa traxectoria sindical e vital” e subliñou que “foi unha persoa que traballou e defendeu os dereitos laborais e os valores da igualdade”. Pola súa banda, Amelia Pérez, secretaria xeral de CC.OO, destacou que “se algo caracterizaba a Xan María era o seu sentido da lealdade, cos seus amigos e compañeiros, co seu sindicato e cos principios da organización”. Pechou o acto Iago Castro, fillo do sindicalista, quen definiu ao seu pai como un home “disciplinado, bondadoso e valente”.