Negreira abre o seu Mercado de Nadal este venres e chama a engalanar a vila

O certame de decoración pechará as anotacións o vindeiro día 12

A feira festiva alongarase ata o domingo no pavillón do colexio O Coto

Unha anterior edición do Mercado de Nadal de Negreira, neste caso na praza do Concello

Unha anterior edición do Mercado de Nadal de Negreira, neste caso na praza do Concello / ECG

O Concello de Negreira convoca o IV Concurso de Decoración de Nadal, co obxectivo de promover o embelecemento da vila facendo partícipe a poboación e tamén ao tecido económico. Ademais, volve a celebrarse desde este venres a mediodía (e ata o domingo ás 18.00 horas) o Mercado de Nadal no pavillón do colexio O Coto.

No que atinxe ao engalanamento da capital barcalesa, as inscricións durarán ata o 12 deste mes e serán gratuítas. Ábrense a toda a poboación maior de idade do Concello de Negreira e establecementos hostaleiros e comerciais con actividade emprazada no termo municipal. Os interesados en anotarse por facelo mediante un email (alvaro.lira@concellodenegreira.es), e indicando o nome, apelidos e DNI da persoa representante, teléfono, correo-e, e o enderezo da vivenda ou establecemento onde se levará a cabo a decoración. 

Os premios serán de 100, 60 euros e unha cesta para o terceiro no caso dos particulares, mentras que as empresas recibirán galardóns de 400 e 150 euros, ademais dunha cesta de produtos para a terceira clasificada.

Xa no que atinse ao mercado, haberá actuacións de Charlie Brown e D-3 o venres; Veiga do Cotón e Latexo Percusión o sábado; e o domingo de Avania e Os Garuleiros.