Medra a demanda de centolas e ameixas para conxelar e tentar aforrar na cesta do Nadal

Cotízanse xa nas prazas de abastos entre 35 e 40 euros o kilo

Os profesionais din que esta práctica non é aconsellable con certas especies

Na lonxa de Corcubión o lumbrigante pagouse esta semana ata 50 €/kg

Diego Logo, responsable da lonxa de Corcubión cun dos lubrigantes poxados este venres

Diego Logo, responsable da lonxa de Corcubión cun dos lubrigantes poxados este venres / C. corcubión

Achégase o Nadal e con el a que se podería chamar “costa do marisco”, pois cada día que pasa o consumidor ve como os prezos das especies máis demandadas, como as centolas ou as ameixas, non deixan de subir. É por iso que cada vez son máis as familias que avogan por anticiparse a esa escalada facendo compras por adiantado e conxelando o produto para aforrar na cesta navideña. “É algo que se vén facendo dende hai varios anos, pero cada vez o fai máis xente”, afirma Rosa Mari Carabel, da Pescadería Antonio, do mercado de Carballo.

Alerta, non obstante, de que “non é o máis aconsellable, porque aínda que hai especies que conxelan moi ben, con outras perdese moito, sobre todo coas ameixas e outros mariscos que se comercializan vivos”. Ademais, Rosa Mari Carabel asegura que a contía do aforro “vai depender máis do tempo, xa que se van ao mar e hai produto a diferenza nos prezos de agora ao Nadal non vai ser tan grande, e consumir o marisco fresco ten un valor engadido”.

Suba de prezos

Á marxe das contas que fai cada quen, tanto a demanda como as cotizacións xa aumentaron nas últimas semanas. Na Pescadería Antonio “a máis solicitada é a ameixa, e este ano temos o problema da escaseza”, afirma a súa responsable. Esta semana venderon a babosa a 38 €/kg na praza de abastos, “e vai subir máis”, adianta Rosa Mari, quen lembra que o pasado ano “chegouse a vender a 50 €/kg”. A centola tamén se revalorizou. “Nós traémola do Grove e estes días pagouse a 35 €/kg”.

En canto aos peixes, a pescada do pincho experimentou unha importante alza, acadando as mellores pezas prezos de entre 17 e 20 euros o quilo, namentres que o abadexo sitúase entre 14 e 17€/kg, “porque hai abundancia”, afirma Rosa Mari. Outras especies como o linguado, o rodaballo ou o sargo acadan valores semellantes aos dos mellores mariscos. “O sargo pagouse ata 63 €/kg na lonxa de Laxe; o rodaballo supera os 48 €/kg; e o linguado sitúase entre 42 e 44 €/kg, polo que estas especies comercializámolas preferentemente por encargo”, engade.

Aínda así, as expectativas desta campaña de Nadal “son boas”. Na referida pescadería xa teñen encargas para a Noiteboa e fin de ano, sobre todo de centolas, ameixas e nécoras, “e sen prezo, porque non o sabemos, pero é xente que confía en nós”, conclúe Rosa Mari Carabel.

Plataformas en liña

Pablo Sueiro, socio de la empresa Fresco y del Mar, con una espectacular centolla

Pablo Sueiro, socio de la empresa Fresco y del Mar, con una espectacular centolla / f.m.

Ademais da tradicional venda de peixes e mariscos nas prazas de abastos, nos últimos anos están a gañar mercado as plataformas de comercializacion online. No porto de Muros ten a súa sede Fresco y del Mar, unha empresa que vende peixes e mariscos capturados de xeito artesanal, maioritariamente nos litorais de Costa da Morte, Muros-Noia e Barbanza.

Emilio Louro, responsable de loxística, asegura que “dende hai un mes xa temos pedidos de xente que se quere anticipar ao Nadal, e prefire conxelar o produto para poder aforrar”. A raíña nas demandas que reciben en Fresco y del Mar “é, sen dúbida, a centola, pero o problema é que nos últimos días escasea”.

Unha das vantaxes desta modalidade de compra é que na empresa carnotana os prezos de Nadal xa están fixados dende esta semana, “e os clientes xa poden facer as reservas sabendo o que lles vai custar a cea de Noiteboa ou de fin de ano”. E iso sen perder frescura e sen necesidade de conxelar o produto, “pois servímolo fresco e o consumidor é quen fixa a data na que o quere recibir”, afirma. Outra das ventaxas é que “servimos o produto na casa, sen que o cliente teña que desprazarse a ningún mercado”, subliña Emilio Louro.

Para este Nadal ofrecen centolas femias a 56€/kg e macho a 51€/kg; ameixa babosa a 43,5 €/kg; berberecho a 38€/kg o grande e a 30 o mediano. Quenes opten polos percebes terán que rascarse máis o peto, pois os de calidade extra teñen un prezo de 300€/kg; 260 o grande; 195 o mediano e 95 o pequeno.

O mesmo terán que facer quen gusten do lumbrigante. Na lonxa de Corcubión pagouse entre 40 e 50 euros o kilo, un prezo que aumentará notablemente cando chegue á mesa, ao igual que o da centola, que acadou esta semana os 30€/kg, o prezo máis alto rexistrado até agora na rula local.

[object Object]

As novas tecnoloxías abriron novas canles de comercialización “e hoxe en día podes recibir peixe e marisco fresco na túa casa con só dous xestos: un clic nunha web e abrindo a porta ao mensaxeiro”, subliña Emilio Louro, da empresa de venda online Fresco y del Mar.

Unha opción da que botan man xa moitos consumidores. A empresa carnotana conta cunha consolidada carteira de clientes en toda España, “principalmente nas grandes cidades con máis poboación, como Madrid ou Barcelona”, pero tamén fan chegar os seus produtos a países europeos como Alemaña, Holanda, Dinamarca ou Bélxica, entre outros. “Maioritariamente son pedidos de galegos emigrados”, subliña.

Unhas demandas que, como nos mercados tradicionais, aumentan de xeito notable no mes de Nadal. As expectativas este ano son moi boas “xa que as vendas e reservas levan un ritmo moi bo”, asegura Louro, quen agarda que o tempo acompañe para que a frota pesqueira e os mariscadores poidan faenar e traían os mellores peixes e mariscos aos portos da zona, de xeito que, nunhas horas, poidan servirse en todas as mesas dos fogares que os demanden.