Panxoliñas, obradoiros, literatura, galas artísticas e dúas pistas de xeo no Nadal da Costa da Morte

Laracha premia as decoracións de fachadas, balcóns e xardíns

O comercio carballés ofrece unha paga de 300 euros durante un ano

Asistentes ao acto de acendido do alumeado navideño na Praza do Concello de Vimianzo /c. de vimianzo

Asistentes ao acto de acendido do alumeado navideño na Praza do Concello de Vimianzo /c. de vimianzo / J. M. RAMOS

Co acendido dos alumeados, o espírito navideño xa se asentou na Costa da Morte onde, ata o 7 de xaneiro, veciños e visitantes poderán gozar dun amplo abano de actividades lúdicas e culturais, e incluso aspirar a suculentos premios.

Na Laracha, o Concello agasallará con 1.200 euros en premios as mellores decoracións de fachadas, balcóns e xardíns particulares que sexan visibles desde o exterior, e dedicará outros 1.800€ ao concurso de escaparates, que alcanza a 28 edición. E o día 30 celebrarase o Certame de Panxoliñas María Angeriz Tuset, na casa da cultura.

En Carballo, o Centro Comercial Aberto premiará a fidelidade dos seus clientes cunha paga extra de 300 euros durante un ano, e con dous cheques de 1.000€ cada un para gastar nunha hora.

Pola súa banda, Cee e Vimianzo acollerán as dúas únicas pistas de xeo para gozar patinando este Nadal na Costa da Morte. Na vila ceense estará ubicada no espazo Ceelandia dende o 22 de decembro ata o 6 de xaneiro, e na capital de Soneira abrirá o vindeiro día 15 no lateral da casa consistorial.

Ademais, en Cee o xoves, día 14, o historiador Luis Lamela presentará o libro A loita dos perdedores, e o día 17, Vimianzo acollerá unha gala artística solidaria en favor das agrupacións de Cáritas e Cruz Vermella.

Co fin de facilitar a conciliación familiar, o programa Meniñeiro de Nadal ofrecerá en Cabana actividades para nenas e nenos de infantil e primaria na casa da cultura. E o vindeiro venres, día 15, o auditorio acollerá o festival Abrazando o Nadal que xuntará o talento local de Son de Cabana, As Cantareiras de Anos e as corais de Canduas e Cesullas.

En Dumbría e Zas nenos e maiores poderán gozar de música, maxia, teatro e diferentes obradoiros.