A Pobra leva actividades de Nadal ás 6 parroquias e premiará as fachadas e escaparates coa mellor decoración

Sortearanse entre os clientes da praza dous vales de 600 € e outros tantos de 400 e 200 para compras das ceas de Noiteboa e fin de ano

Amparo Cerecedo, esqda., e a técnica de Promoción Económica, Sara Sánchez, presentaron as iniciativas

Amparo Cerecedo, esqda., e a técnica de Promoción Económica, Sara Sánchez, presentaron as iniciativas / C.P.

O Concello da Pobra volverá premiar este Nadal as vivendas mellor decoradas co IV Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas, que repartirá 2.100 euros en vales de compra: un primeiro premio de 600 euros e cinco segundos de 300 euros (un por cada parroquia: Santa María A Antiga do Caramiñal, Santiago do Deán, Santo Isidro de Posmarcos, Santa Cruz de Lesón e Santa María do Xobre). Os vales poderanse trocar nos máis de corenta establecementos comerciais e de servizos do municipio adheridos a esta iniciativa.

Asimesmo, o Concello convocou un concurso de escaparates de Nadal, con tres premios: un primeiro consistente na realización de seis escaparates profesionais durante un ano a cargo dunha técnica de márketing visual; un segundo dotado de catro; e un terceiro con dous.

Para contribuír a acadar tal fin e incentivar a participación, tamén se fixo entrega de arredor de 200 árbores para a colocación á entrada dos establecementos e unha vintena de grilandas para aqueles a pé de beirarrúas estreitas para que os comerciantes os decoren ao seu gusto.

Ademais, para incentivar as compras de produtos de proximidade e pór en valor o mercado municipal, a concellería de Promoción Económica, que dirixe Amparo Cerecedo, puxo en marcha a campaña Consigue Caramiñas, Comparte Nadal, que sorteará entre a clientela da praza de abastos vales para as compras das ceas de Noiteboa e de fin de ano.

A campaña estenderase ata o día 21 de decembro e, por cada dez euros de compra, entregarase un boleto. Deberanse cubrir os datos e depositalo nunha das urnas que hai no interior da praza de abastos.

Efectuaranse dous sorteos: o primeiro será o día 15 e o segundo o día 21, e cada un constará de tres premios: un primeiro vale de 600 euros, un segundo de 400 e un terceiro de 200, para trocar por produtos nos postos do mercado (ata o día 23 para a cea da Noiteboa e ata o día 30 para a cea da fin de ano).

Por outra banda, todas as parroquias da Pobra gozarán tamén de actividades de Nadal dirixidas á rapazada. Amparo Cerecedo sinalou que se busca así descentralizar as accións lúdicas do núcleo urbano para levar o espírito destas datas tamén ás zonas do rural. Chocolatadas, inchables, xogos tradicionais, sesións de música disco, karaokes e obradoiros son as propostas que integran a programación a desenvolver en horario de 17.00 a 20.00 horas.

Comezaron este domingo no Alto de Cabío e seguirán este martes 5 na escola do Campo, no Campiño (o día 6), na Ribeiriña (o día 8), na Granxa (o día 10), en Santo Isidro (o día 15) e no Camiño Ancho (o día 21).