Elixen Ames para conmemorar sete séculos de alfombrismo e despedir o ano cun tapiz natural

Vinte artistas locais, de Ponteareas, A Estrada, Rianxo, Bueu, Burela e Moaña vanlle dar forma onda o consistorio

O primeiro destes ‘camiños de flores’, como lle chamaban no Medievo, elaborouse en Ourense en 1323

Carlos H.Fernández Coto, esquerda, con Blas García e Cristina Otero Vilacoba

Carlos H.Fernández Coto, esquerda, con Blas García e Cristina Otero Vilacoba / Coto

Conmemorar os 700 anos de bagaxe de calquer labor artística merece ser destacado. E no caso das alfombras florais, Ames vai ser o municipio onde se conmemore a efeméride, segundo destaca o presidente Carlos H. Fernández Coto, presidente da Federación de alfombristas de Galicia, que se reuniu co rexedor Blas García e a membro da xunta directiva da asociación amesá de alfombristas, Cristina Otero Vilacoba, para anunciar a boa nova... e a confección dun tapiz natural o vindeiro día 30 de cara a despedir o ano e recibir o 2024 dende A Maía.

Deste xeito, foi no 1323 cando se fixo o primeiro camiño de flores (hoxe coñecido como alfombra floral) en Ourense, segundo o informe histórico e antropolóxico redactado pola prestixiosa antropóloga e arqueóloga Ana Isabel Filgueiras Rei, por encomenda da Federación de Alfombristas de Galicia. Por iso, neste 2023 transcorreron exactamente 700 anos dende esa primeira alfombra floral que está documentada, “polo que aproveitaremos esta data para conmemorar esa efemérides, e farémolo en Bertamiráns, fronte á casa do concello de Ames, na alfombra que o Concello nos encomendou para despedir o ano 2023 e dar a benvida ao ano 2024”, aportaba Coto, presidente ademais da Asociación para la Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal).

Deste xeito, as distintas asociacións que compoñen a federación farán realidade unha alfombra diferente, elaborada en Ames para toda Galicia, na que se representarán sete bens patrimoniais senlleiros e identitarios deste país. Un total de 20 alfombristas darán comezo aos traballos ao atardecer do penúltimo día do ano, ás 19.00 horas.

PRESENTES. Estarán presentes alfombristas de Ames, A Estrada, Bueu, Burela, Moaña, Ponteareas e Rianxo confeccionarán un tapiz de 12 metros de longo por 3 metros de alto, no que cada asociación representará un símbolo do patrimonio de Galicia. As técnicas utilizadas serán as que empreguen nas súas localidades, “polo que o resultado será unha combinación de cores e texturas que represente a diversidade dos pobos de Galicia”, indicaban as mesmas fontes a este xornal.

Hai que lembrar que o pasado día 1 de decembro, dúas entidades (a Federación de Alfombristas e a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego, Apatrigal) solicitaron ao presidente da Xunta a declaración de Ben de Interese Cultural Inmaterial do Alfombrismo galego, entendido como o conxunto de técnicas e o coñecemento adquirido no transcurso dos séculos para a elaboración de alfombras en espazos públicos ou de uso público das vilas e cidades galegas.

E para apoiar esta petición conxunta, na alfombra amesá representaranse sete iconas do patrimonio cultural galego, polo que cada unha das asociacións federadas representará un elemento senlleiro dese legado histórico, cultural e antropolóxico desta, a terra dos mil ríos.