A veciñanza de Laxe premiará cos seus votos o escaparate mellor decorado este Nadal

Árbore de Nadal de Laxe.

Árbore de Nadal de Laxe. / Concello de Laxe

O Concello de Laxe puxo en marcha a terceira edición do Certame de Escaparates de Nadal, cuxo xurado estará composto pola veciñanza, que poderá votar a través da conta de Facebook municipal e do servizo de mensaxería de WhatsApp Novas Laxe. As votacións realizaranse a partir da publicación das imaxes, o día 26 de decembro, ata o mediodía do 8 de xaneiro. A resolución do certame, a entrega de diplomas e o agasallo conmemorativo ao local que máis votos reciba realizarase o 12 de xaneiro. As inscricións poden formalizarse ata o día 22.

Por outra banda, o Concello convoca a campaña de Nadal do comercio, que ten como obxectivo promover a activación económica e propiciar o fortalecemento do sector comercial municipal durante estas datas, estimulando a demanda a través do consumo en empresas locais.

Esta iniciativa tamén pretende motivar aos comercios locais para que se unan entre eles e creen sinerxias de dinamización entre os establecementos de proximidade.

Sortearanse tres premios económicos, cun orzamento total de 500 euros, obtendo así un premio de 250 euros, outro de 150 euros e un último agasallo de 100 euros para trocar nos establecementos adheridos á rede comercial do municipio. Todos aqueles comercios que desexen adherirse a esta campaña poden facelo a través dun formulario dispoñible na páxina web do Concello ou nas dependencias municipais. O prazo para presentar as solicitudes remata o martes, 19 de decembro, ás 14.30 horas.

Cada un dos establecementos participantes terá exposto ao público unha caixa na que as persoas consumidoras poderán depositar os tiques ou facturas das compras que realicen no propio comercio desde o 21 de decembro ata o 13 de xaneiro, por un importe igual ou maior a 20 euros, incluíndo o nome e os apelidos, o DNI e o teléfono de contacto. O día 15 de xaneiro, ás 14 horas, farase un sorteo público, de xeito manual, no salón de plenos, onde se extraerán os tres tiques premiados do sorteo. O resultado do sorteo será publicado na páxina web do Concello e nas redes sociais oficiais municipais.