Os 88 proxectos Leader da contorna de Compostela mobilizarán investimentos por valor de 11 millóns

Costa da Morte encabeza o ranquin na zona con 2.527.254 euros

En Galicia aprobáronse 318 iniciativas, que se repartirán preto de 15 M€ en axudas

Afaber recibirá unha axuda para acondicionar a súa nova sede en Carballo

Afaber recibirá unha axuda para acondicionar a súa nova sede en Carballo / Afaber

José M. Ramos

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural vén de aprobar 318 proxectos ao abeiro da medida Leader para as anualidades 2023 e 2024, que permitirán mobilizar máis de 36,5 millóns de euros cunha axuda pública de 14,891.938,47 €. Desas iniciativas, 88 desenvolveránse na contorna de Compostela, nos ámbitos dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte, Deloa, Terras de Compostela, Ordes, Ulla-Tambre-Mandeo, Salnés-Ulla-Umia e Pontevedra Norte, as cales suman un investimento de máis de 11 millóns de euros e teñen concedidas axudas por un total de 4.015.573 €.

O GDR Costa da Morte, que agrupa os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas, tramitou os 13 proxectos aprobados na zona e lidera o investimento no eido compostelán, ao superar os 2,52 millóns de euros. As axudas concedidas ascenden a 631.329 €.

Pola súa banda, no ámbito do GDR Ulla-Tambre-Mandeo, que acolle os municipios de Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado, Touro, Toques e Vilasantar, os 11 proxectos aprobados mobilizarán 1.553.989,55 euros, e recibirán subvencións por valor de 590.505,23 €. E no eido do GDR Salnés-Ulla-Umia, integrado polos concellos de Caldas de Reis, Cambados, Catoira Cuntis, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Moraña, Pontecesures, Portas, Ribadumia Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, o investimento será de 1.550.429,7 euros e as axudas suman 544.233 €.

Os concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago, Teo, Val do Dubra, Vedra, A Baña, Negreira e Santa Comba, enmarcados no GDR Terras de Compostela, desenvolverán un total de 7 proxectos, que suporán un investimento de 1.438.163,48 euros. Os seus promotores recibirán axudas por valor de 552.945,9 €. E o GDR Comarca de Ordes, que inclúe aos municipios de Cerceda, Frades, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo, é con 18, o que máis proxectos ten aprobados, acadando un investimento de 1.438.163,48 euros e subvencións por valor de 560.360,59 €.

Pola súa parte, no ámbito do GDR Deloa, que agrupa aos concellos de Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois, investiranse 1.371.466,95 euros a través de 7 proxectos, que recibirán 556.424,98 € en axudas. E, por último, o GDR Pontevedra-Norte, do que forman parte os concellos de Agolada, Dozón, A Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces tramitou os 13 proxectos aprobados na zona, que mobilizarán 1.120.392,08 euros e os seus promotores teñen concedidas axudas por un importe total de 579,774,38 €.

Os proxectos aprobados agrúpanse en produtivos e non produtivos (solicitados por concellos ou entidades privada). Entre os primeiros inclúense desde establecementos turísticos ou de restauración ata os dedicados á transformación e comercialización de produtos agrícolas ou forestais. Dentro das iniciativas non produtivas privadas subvenciónanse actuacións de asociacións culturais, deportivas ou sociais, así como de comunidades de montes veciñais en man común. Pola súa banda, os concellos recibirán axudas para a recuperación e posta en valor do patrimonico cultural, etnográfico e ambiental, e para a mellora de equipamentos e dotacións municipais. 

Así, na Costa da Morte desenvolveranse 6 proxectos produtivos que permitirán crear dous campamentos turísticos en Alborés (Mazaricos) e Razo (Carballo), ampliar unha empresa de mecanizados , habilitar unha pensión de dúas estrelas en San Adrián de Castro (Zas), e crear unha lavandería autoservizo na Picota (Mazaricos) e unha planta de xestión de residuos de construción. A maiores, outras 12 iniciativas quedaron en lista de agarda.

Entre os proxectos non produtivos figuran o acondicionamento da nova sede de Afaber Alzheimer Bergantiños; unha segunda prospección arqueolóxica en Brandomil (Zas); a mellora da infraestrutura silvopastoril da comunidade de montes veciñais de Montecelos (Vimianzo); e a restauración do retablo lateral esquerdo da igrexa de San Martiño de Cores (Ponteceso). A maiores, e por iniciativa municipal, o Concello de Cee ampliará a dotación de equipos informáticos para a aula móbil de formación no rural; o Concello da Laracha desenvolverá unha aplicación informática para xestionar instalacións deportivas e culturais; e o Concello de Coristanco porá en valor a senda fluvial do Refuxio de Verdes, á beira do río Anllóns.

Proxectos todos eles que, segundo José Antonio Vila, xerente do GDR Costa da Morte, foron presentados na actual convocatoria antes do 31 de xaneiro, e teñen concedidas axudas que se distribuirán en dúas anualidades: 2023 e 2024. Os promotores interesados poden seguir presentando proxectos “e no GDR avaliarémolos e darémoslle trámite aínda que, polo momento, non sabemos se a Xunta abrirá, ou non, unha nova liña de axudas para as anualidades 2024 e 2025, como se fixo en Asturias con partidas sobrantes doutros departamentos”. De non ser así, engade, os promotores terán que esperar á convocatoria do periodo 2023-2027, pero “iso implica que haberá que rexerse por unhas novas bases e que os interesados deberán presentar outra solicitude. Ademais, as actuacións previstas non poderán estar iniciadas”.

FINANCIACIÓN. Uns investimentos que serán financiados no marco do programa Leader polo Fondo Europeo Agrario de Desarrollo Rural (Feader), que aporta o 75% das axudas; a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que contribúe con 22,5%; e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que achega o 2,5%.