Luar Na Lubre presenta o sábado en Fisterra o seu novo libro-disco 'Encrucillada XX'

Contén fotografías e textos de personalidades da música, a literatura e o xornalismo

Xunta voces como as de Pablo Milanés, Sés, Rosa Cedrón, entre outros artistas

Luar na Lubre presentará 'Encrucillada XX' no hotel Bela Fisterra

Luar na Lubre presentará 'Encrucillada XX' no hotel Bela Fisterra / Luar na Lubre

J. M. Ramos

Luar na Lubre presentará o seu novo traballo Encrucillada XX, o vindeiro venres, día 22 ás 19.00 horas no Hotel Bela Fisterra, nun acto aberto ao público que contará coa asistencia de Bieito Romero e Xabier Ferreiro, quenes explicarán o seu contido e asinarán exemplares do libro-disco. 

Encrucillada XX recolle algúns dos temas máis emblemáticos do seu amplo repertorio, coa participación de diferentes voces que pasaron polo grupo, ademais dunha cronoloxía fotográfica e literaria da súa dilatada historia, cos testemuños de máis de 60 personalidades da música, a literatura e o xornalismo de Galicia. 

Este traballo ten carácter recompilatorio e contén temas icónicos de todos os tempos, que foron reinterpretados con novas versións e con voces tan destacadas, como as do cantautor cubano Pablo Milanés, Sés e Rosa Cedrón, entre outras. O libro-disco, editado por Baía Edicións e os CD por Warner Music, festexa un simbólico ‘encontro de camiños’. Un emotivo e importante momento histórico a través dunha recompilación de músicas, relatos, fotografías e diverso material, para entender o que significa Luar na Lubre, que vai camiño de cumprir 40 anos de traxectoria

O álbum contén un tema moi especial para a banda galega: El largo Camino de Santiago, que compuxo e gravou o cantautor cubano Pablo Milanés antes do seu falecemento, unha das xoias deste traballo. Trátase dunha composición extraordinaria, con letra e voz do cantautor cubano, inspirada na música celta e no seu amor á súa esposa Nancy Pérez. E a canción Canto de andar con novos arranxos, conta coa colaboración de Rosa Cedrón, que foi vocalista do grupo (1997 a 2005). Trátase dunha composición de Bieito Romero, inspirada en antigos cantos tradicionais, que fala das cousas que realmente importan: “as cousas sinxelas do día a día”. 

Nada menos que nove voces femininas participaron na gravación de Romeiro ao lonxe, unha melodía tradicional inglesa que Luar na Lubre adaptou con letra do mestre Xulio Cuba. As voces de Rosa Cedrón, Paula Rey, Sara Vidal, Marisa Valle Roso, Sés, Irene Sánchez (Filandera), Anna Espinosa, Irene Cerqueiro e a actual voz do grupo, Irma Macías, achegan unha nova sonoridade, con diferentes texturas, a esta canción que tamén se presenta nun videoclip con imaxes espectaculares de paisaxes de Galicia.

No acto de presentación participarán tamén amigos que colaboraron cos seus textos no libro, como Modesto Fraga, Alexandre Nerium, Xosé Iglesias, Rafa Quintía, Xavier Maceiras e Pepe Formoso

O traballo conta co apoio da Xunta de Galicia, dentro do Programa Operativo FEDER GALICIA 2014-2020, e financiado pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), como parte das respostas da Unión Europea á pandemia da Covid-19.

TEMAS