Laracha investirá 300.000 euros no acondicionamento de catro estradas municipais

Mellorará vías en Golmar, Erboedo, Lemaio e Caión

Obras de mellora viaria na estrada de O Cruceiro a Lendo

Obras de mellora viaria na estrada de O Cruceiro a Lendo / Concello da Laracha

A Mesa de Contratación da Laracha completou o proceso de valoración e clasificación das ofertas que concorreron ás licitacións de catro proxectos de mellora da rede viaria municipal por valor de preto de 300.000 euros.

A maior actuación localízase na parroquia de Golmar, na estrada que comunica O Igrexario con San Pantaión. O tramo obxecto desta intervención presenta unha lonxitude de 1.225 metros, nos que vai ser renovada a superficie de rodadura dos vehículos con aglomerado asfáltico en quente.

En Erboedo acondicionarán un quilómetro da estrada que comunica A Fontenla co límite de Arteixo, á altura do Loureiro. A actuación inclúe o acondicionamento do sobreancho no tramo máis estreito para ampliar a calzada. E xa en Lemaio mellorarase a vía entre A Fraga e O Pereiro dotándoa cun novo pavimento e incluíndo, tamén, a limpeza das cunetas e a sinalización.

E a actuación en Caión localízase no núcleo do Outeiro, onde vai ser mellorada a calzada ata o entronque coa estrada que dirixe a Baldaio (DP-1909), favorecendo tamén as comunicacións coa zona do santuario dos Milagres.

A adxudicación da execución dos traballos farase nos vindeiros días pola xunta de goberno, segundo informa o Concello.