O fomento da economía circular esixe mudar hábitos de consumo e fomentar accións sostibles

 O intercambio, a reparación e as compras verdes son algunhas das claves

O Centro Náutico do Freixo acolleu o acto de clausura do proxecto europeo Circular.rur

Asistentes ao encontro de clausura do proxecto europeo Circular.rur

Asistentes ao encontro de clausura do proxecto europeo Circular.rur / Afiprodel

J. M. Ramos

O Centro Náutico do Freixo acolleu a clausura do proxecto europeo Circular.rur, liderado polo Concello de Outes e a Asociación de Profesionais do Desenvolvemento Local (Afiprodel), o cal permitiu desenvolver e transferir coñecementos innovadores sobre economía circular e procurou o desenvolvemento de novos modelos de negocio.

Na xornada de clausura, o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago, Xavier Vence, apuntou diversas propostas, como a promoción do intercambio, a reparación e a creación de espazos de vendas de segunda man, así como o fomento da autoprodución de alimentos e o impulso de novas áreas para promover ciclos curtos de produción-consumo. A compra pública verde e circular, a mobilidade sostíble e a redución do consumo enerxético foron outras das claves aportadas polo profesor da USC.

A xornada complementouse cun escaparate de emprendemento de economía circular, no que deron a coñecer as súas iniciativas os responsables de Ler Librerías, cunha exposición de libros e diversos materiais; Ana Trasariz, unha artesá que deseña e crea bolsos e complementos empregando fibras naturais como o liño e o algodón; Carmen Riveiro, presidenta da Asociación de Amigos do Liño; e o Concello de Vimianzo, que presentou os resultados do proxecto Food Wave, que busca concienciar á mocidade (16 a 35 anos) para modificar o seu comportamento de consumo de alimentos e promover activamente o cambio cara a sistemas alimentarios ecolóxicos e inclusivos, como parte da estratexia para mitigar o cambio climático.

No encontro celebrado no Freixo tamén participaron representantes das institucións de Croacia, Irlanda, Alemaña, Italia e Grecia, que formaron parte do proxecto integrado no programa Erasmus +. Así o colectivo italiano Limeup e Win Consultants, de Irlanda, deron a coñecer tamén o seu proxecto Change4Good.

Asemade, a xornada de clausura serviu para presentar as principais iniciativas desenvolvida ao abeiro do proxecto, entre as que destacan a elaboración dun mapa de boas practicas en materia de economia circular (Smart Guidance on Business Models of Circular Economy for the Rural Development); un vídeo divulgativo deste concepto; e a habilitación dun curso a través da plataforma MOOC, que inclúe varios módulos formativo, é de acceso libre e ofrece a posibilidade de obter un diploma acreditativo autodescargable.

O proxecto Circular.rur tentou brindar novas oportunidades de activación económica fronte aos retos actuais, fomentando contornas rurais máis modernas e sostibles, a través do apoio dos profesionais de desenvolvemento rural.