A Asociación A Croa quere comercializar as resinas e cogomelos dos seus montes de Camariñas

O colectivo quere organizarse como unha agrupación forestal de xestión conxunta

José Luis Chan, á esquerda, cos representantes da Asociación A Croa, en Camariñas

José Luis Chan, á esquerda, cos representantes da Asociación A Croa, en Camariñas / Xunta

J. M. Ramos

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, acompañado da alcaldesa, Sandra Insua, reuniuse con integrantes da Asociación de Propietarios Forestais (APF) A Croa de Camariñas para coñecer as súas liñas de traballo. O colectivo veciñal ten como obxectivo poñer en valor os montes da zona, incidindo en aproveitamentos como a resina ou os cogomelos, e darlle visibilidade ás necesidades dos enclaves naturais da contorna de Camariñas.

A intención é converter a asociación nunha agrupación forestal de xestión conxunta, unha figura creada ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e que busca optimizar a xestión destas entidades. Por iso, o director xeral puxo en valor as axudas da Xunta -publicadas recentemente no Diario Oficial de Galicia- para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal en réxime de concorrencia competitiva, que están dotadas cun orzamento de preto de 2,4 millóns de euros.

TEMAS