A comarca chama aos visitantes dende Fitur

A Deputación pontevedresa promocionou o Camiño de Taverneiro e, a da Coruña, os seus cinco plans de sustentabilidade

Costa da Morte recollerá este xoves a acreditación Sicted de calidade, Crespo aplaudiu a difusión do patrimonio do Deza e Barbanza-Arousa centrarase nos oficios e produtos do mar 

O deputado Xosé Regueira, esquerda, divulgou os plans de sustentabilidade da Deputación coruñesa

O deputado Xosé Regueira, esquerda, divulgou os plans de sustentabilidade da Deputación coruñesa / Deputación da Coruña

Os principais municipios e entidades supramunicipais da comarca compostelá están estes días a chamar aos visitantes dende Fitur, onde se están a dar cita, entre outros, concellos como os de Camariñas, Vimianzo, Muxía, Lalín ou Padrón; as deputacións de Pontevedra e da Coruña; a Asociación de Concellos Camiño Fisterra-Muxía e tamén a Mancomunidade Barbanza-Arousa. A cita prolongarase dende este mércores e ata o vindeiro día 28 en Madrid, e defínese como “un encontro global para os profesionais do turismo”.

Comezando polas dúas administracións provinciais presentes, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentaba no posto de Turgalicia a campaña 100% Rías Baixas, e igualmente acometerá unha ampla axenda de actividades en Madrid para dar a coñecer a provincia. Así, ademais da auga, eixo central de 100% Rías Baixas, tamén son protagonistas en Fitur o té elaborado en Pontevedra, as rutas arqueolóxicas e unha nova alternativa para peregrinar a Compostela pola provincia, a través do Camiño de Taverneiro.

Pola Deputación da Coruña, o seu vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, encargouse de divulgar os cinco Plans de Sustentabilidade Turística en Destino da Deputación (Fogóns do Anllóns; Fragas do Eume; Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal; Vía Verde Compostela-Tambre- Lengüelle e Centro histórico de Ferrol e patrimonio militar da Costa Ártabra). Son os protagonistas dos dous actos institucionais que se están a desenvolver dende primeira hora da tarde do mércores. Estivo acompañado, ademais de polo deputado Antonio Leira, por algúns dos alcaldes da Vía Verde, como os de Ordes, Tordoia ou Oroso, entre outros.  

Xa por bisbarras, Costa da Morte terá este xoves, día 25 de xaneiro, unha destacada presenza, co presidente da CMAT (Costa da Morte Asociación Turística) e alcalde de Zas, Manuel Muíño, como encargado de recoller o Premio Sicted, que recoñece ao territorio da Costa da Morte como destino certificado de calidade. E para o vindeiro venres está prevista a presentación do vídeo promocional Costa da Morte: Destino Turístico Starlight. Estiveron representantes da Asociación de Profesionais Turísticos da Costa da Morte (APTCM), Pepe Formoso e Damián Álvarez.  

Do mesmo xeito, a Mancomunidade Barbanza-Arousa levará unha presentación ata o estand de Turismo de Galicia o xoves día 25, ás 16.15 horas. Acompañando cun audiovisual, a entidade supramunicipal realizará unha presentación na que se reivindicará a posta en valor dos traballos vencellados ao mar, como a conserva ou a salgadura, estreitamente ligados á riqueza enogastronómica do territorio. Viaxe a través dos sabores pretende revalorizar tanto para os visitantes e turistas do destino como para a propia poboación local, a importancia que desde sempre tiveron o mar e as actividades industriais unidas ao mesmo, coas excelencias gastronómicas que se atopan no territorio. Este traballo é un extracto do documental Voces da conserva, estreado o pasado día 17 de xaneiro no Pazo de Goiáns (Boiro). 

Pero tamén tivo protagonismo en Fitur o mandatario local de Lalín, o popular José Crespo, que participou na presentación da campaña 24 Turismo Rías Baixas. Entre os atractivos desta iniciativa, aparecen reseñados, no referente á comarca de Deza, Ponte Taboada e o Mosteiro de Carboeiro. Crespo tamén aproveitou para manter encontros con Lete Lasa, con varios alcaldes da provincia e con operadores do sector.

A súa homóloga vimiancesa, Mónica Rodríguez, presumiu este mércores da campaña Vive Vimianzo entre sabores e tradición, que incluíu unha peza audiovisual inédita sobre as principais potencialidades da capital da Terra de Soneira. Posteriormente, tivo lugar unha degustación dos principais petiscos da gastronomía local. O mandatario de Muxía, Iago Toba, personouse tamén co obxectivo de se reunir coa presidenta de Paradores, Raquel Sánchez, e co ministro de Turismo, Jordi Hereu, así como de participar en actos do Camiño de Santiago Fisterra-Muxía, Deputación da Coruña e Xunta, entre outros. Tamén teñen en axenda actos con representantes de municipios de resto de España para promocionar e compartir experiencias.

A rexedora camariñá, Sandra Insua, expuxo a campaña Camariñas sorprende, na que se mostran as festas, tradicións, paisaxes e gastronomía do municipio. E tamén se presentou o cartel da XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas, obra de Esteban Freiría. Para rematar, Padrón leva un posto de información propio dentro do pavillón de Galicia, e prevén encontros con turoperadores.