O Tribunal Administrativo de Contratación Pública anula a licitación do SAF de Outes

O Concello modificará os pregos do concurso e vai seguir prestando o servizo “como se viña facendo”

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia estimou a impugnación de CC OO do Hábitat contra os pregos de contratación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Outes. O organismo xa adoptara días atrás medidas cautelares suspendendo a licitación. Agora, tras anular as contías económicas, anula o conxunto da licitación.

A reclamación de CC OO advertía que a oferta económica do concurso non recollía os custos salariais reais nin os posibles incrementos futuros que establece a lei. Segundo o sindicato, os pregos administrativos sitúanse un 3% anual por baixo dos custos reais, e tampouco fai unha previsión “real nin aproximada” dos incrementos no futuro, “pois cando se produciu a licitación xa se estimaba un IPC real para 2023 superior ao 3%”.

Pola súa banda, o alcalde, Manuel González, dixo que o Concello vai modificar os pregos administrativos da licitación do servizo. Sobre se os prezos establecidos no prego que agora será obxecto de modificación eran ou non acordes aos prezos de mercado, o mandatario local explicou que “eran, en calquera caso, un 30% superiores aos que pagaba o Concello no contrato vixente entre 2019 e 2023, e estaban en liña dos que se aplican noutros concellos da contorna”.

O rexedor engade que “o servizo vaise seguir prestando como se viña facendo, ao tratarse esta cuestión dun tema estritamente administrativo que non vai afectar á atención dos usuarios”.