A Casa da Cadea incorpórase ao catálogo de patrimonio público do Concello pobrense

Casa da Cadea da Pobra

Casa da Cadea da Pobra / MAPS

Redacción

O Concello da Pobra do Caramiñal confirmou a adquisición da Casa da Cadea por 148.000 euros, logo de que xa no anterior mandato se aprobara a partida para a compra do inmoble, cuxos trámites concluíron neste ano.

O alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal, incide na relevancia que ten a incorporación deste edificio ao catálogo de patrimonio público e reafirma o compromiso local na preservación, recuperación e difusión da riqueza patrimonial da que goza a localidade, razón pola que no actual mandato se apostou pola creación desta Área. “Hoxe, por fin, podemos anunciar que xa é propiedade do pobo, de todos os veciños da Pobra”, manifesta.

Trátase dunha construción civil de finais do século XVIII que se empregou como cárcere e consistorio. Conserva a fachada e conta cunha parcela de 220 m2. A idea é dedicala a fins culturais.