Caión e Manos Unidas, corenta anos xuntos

 A parroquia de Santa María do Socorro axuda a financiar proxectos en Asia e África

A ONG agradece este apoio continuado coa mostra conmemorativa do seu 65 aniversario

Imaxe promocional da exposición 'El despilfarro alimentario', que poderá verse en Caión

Imaxe promocional da exposición 'El despilfarro alimentario', que poderá verse en Caión / Manos Unidas

J. M. Ramos

A solidariedade non coñece límites nin fronteiras e fomenta a unión e o traballo a prol de quenes máis o precisan. Con ese espírito xurdeu hai máis de catro décadas a colaboración entre a parroquia de Santa María do Socorro, de Caión (A Laracha), e a ONG Manos Unidas.

A solidariedade dos caioneses contribuíu ao longo deste tempo a que a referida entidade social poidese financiar diversos proxectos de desenvolvemento levados a cabo en varios países de Asia e África.

Unha cooperación que comenzou na década dos setenta do século pasado, impulsada polo párroco Francisco Dupert e que continuou posteriormente da man do tamén sacederote Luis Pastoriza. Hoxe eses lazos seguen vixentes e fortes, baixo a coordinación do actual párroco de Caión, Andrés Trinquete.

Como mostra de agradecemento a este apoio desinteresado, Manos Unidas escolleu a vila de Caión para amosar o seu labor a través da exposición El despilfarro alimentario, coa que a ONG está a conmemorar o seu sesenta e cinco aniversario.

Da man do delegado de Manos Unidas na Coruña, Paco Cotelo, da misioneira laica Silvia Heredia –que leva 21 anos traballando en educación con nenos da rúa en Honduras– e de voluntarios da ONG, a mostra chegará a próxima semana ao Centro Sociocomunitario de Caión. O acto inaugural será o luns, día 5 a partir das 18.30 horas, e é unha cita aberta a toda a veciñanza e ás persoas interesadas en coñecer o proxecto. Poderá visitarse ata o vindeiro día 10 de marzo, de luns a venres, en horario de 17.00 a 20.00 horas.

A ONG Manos Unidas cumpre sesenta e cinco anos de solidariedade na procura de erradicar as causas estruturais que provocan a fame, como son a inxustiza e o desigual reparto dos bens e das oportunidades entre as persoas dos diferentes pobos.

Parte fundamental do seu labor baséase na sensibilización, e unha das moitas iniciativas que levan a cabo é esta exposición itinerante, composta por paneis informativos centrados en tres temas fundamentais: o malgasto da comida, a escaseza de auga e a muller como motor que move o corazón do mundo.

Cambio de mentalidade

Unha exposición que Manos Unidas achega tamén a centros educativos co fin de sensibilizar aos escolares da importancia do despilfarro alimentario e a súa repercusión no planeta. Dende a ONG aseguran que “é necesario un cambio de mentalidade e de corazón”. Subliñan que a desnutrición crónica que sofren 800 millóns de persoas garda relación “cun tipo de desenvolvemento contaminante e co malgasto”. Para darlle volta a esta situación queren concienciar á sociedade de que o mundo é unha “casa común”.