Carballo e Ames lideran o impulso das comunidades enerxéticas na provincia

 O Fórum carballés pode acoller 184 paneis fotovoltaicos para abastecer a 34 vivendas

O aforro medio para os usuarios con este modelo oscila entre un 30 e un 70 por cento

Parte dos asistentes á presentación do estudo da comunidade enerxética de Carballo

Parte dos asistentes á presentación do estudo da comunidade enerxética de Carballo / Concello de Carballo

J. M. Ramos

As comunidades enerxéticas, polo de agora pouco coñecidas, comezan a abrirse paso como un modelo alternativo de xeración de enerxía, que non só aposta pola sostibilidade, senón que ademais involucra os propios cidadáns e pequenas empresas.

Un modelo que na provincia da Coruña está a dar os seus primeiros pasos baixo o liderado dos concellos de Carballo e Ames. O primeiro, que exerce como axente tractor, xa elaborou o estudo de viabilidade para impulsar a creación dunha comunidade enerxética local, e o segundo porá en marcha no mes de marzo unha Oficina de Transición Comunitaria que fomentará e prestará apoio á constitución destas entidades.

Máis de medio cento de carballeses amosaron o seu interese por este sistema no acto de presentación do estudo de viabilidade, que establece que a capacidade fotovoltaica actual de todo o territorio de Carballo permitiría abastecer 19.400 vivendas. O concelleiro de Innovación, Iván Andrade, e o o técnico da Oficina de Transición Enerxética da Deputación da Coruña, Xosé Manuel Golpe, explicaron os detalles do proxecto e puxeron sobre a mesa unha simulación feita a partir de datos reais que, de saír adiante, será o punto de partida da comunidade.

O obxectivo inicial é aproveitar as cubertas planas e soleadas do Fórum Carballo, que poderían acoller 184 paneis fotovoltaicos que xerarían a enerxía suficiente para máis de 34 vivendas cunha instalación tipo de 100 Kwp. “É un edificio moi céntrico e permitiría dar cobertura a case o cen por cen da área urbana”, afirma Xosé Manuel Golpe, quen considera que “pode ser un bo punto de partida e, de seguro que cando a xente vexa que é un sistema que funciona e que ofrece rendabilidade, poderán acometerse novas instalacións noutros puntos da vila e do Concello”.

Ademais de favorecer a transición á descarbonización do sistema enerxético, “a comunidade local fará posible a produción de enerxía dun xeitos local e máis sostible, así como a optimización dos investimentos públicos e privados en enerxías renovables, almacenamento e redes eléctricas”, subliña o edil Iván Andrade.

Ao proxecto promovido polo Concello de Carballo poderán adherirse tanto cidadáns a título particular como empresas ou outras institucións. Tal e como explicou Iván Andrade, o proxecto no que están a traballar implica que para ser membro do colectivo “non será precisa a colaboración económica da veciñanza, que, sen embargo, poderá beneficiarse de aforros na factura eléctrica”. Desde o goberno municipal preténdese facilitar o proceso de integración da cidadanía, “así como promover a expansión a todo o municipio e acadar unha estabilidade a longo prazo tanto desde o punto de vista económico coma social”.

Con este punto de partida, os seguintes tres pasos que planean dar son: acadar o acordo das persoas interesadas, elaborar o proxecto técnico da instalación de xeración e constituír a comunidade enerxética para seguir avanzando no proceso.

Autoconsumo

As comunidades enerxéticas están baseadas en proxectos de autoconsumo a partir do emprego de enerxías renovables de todo tipo para dar cobertura a usuarios ubicados nun radio duns 2 quilómetros. Incluso, segundo Xosé Manuel Golpe, se está empregando este modelo para a  recuperación e posta en valor de vellos muíños para xerar electricidade e, ao memos tempo, preservar o patrimonio etnográfico.

Son os propios membros da comunidade os que deben asumir a promoción, instalación e mantemento das instalacións necesarias. En casos de sistemas fotovoltaicos como o proxectado en Carballo, “o custo do mantemento é mínimo, podería situarse en torno a 300 euros ano”, subliña o técnico da Deputación. Ademais, engade, existen subvencións para financiar a instalación.

Aínda que, de momento, existe certa reticencia a dar o paso cara este modelo de xeración enerxética, Xosé Manuel Golpe augúralle “un bo futuro”, e pensa que vai experimentar “un crecemento exponencial, a medida que a xente vexa que lles funciona a quen aposta por este sistema”. Unha das principais vantaxes é o aforro, xa que “a factura enerxética pode verse rebaixada entre un 30 e un 70 por cento, sendo fácil acadar un 50%” adaptando os consumos á produción da comunidade.

A maiores, outra das vantaxes deste modelo é o baixo custo de partida, xa que “o investimento medio para un autónomo ou unha familia pode situarse nuns 3.000 euros, contía que se duplicaría no caso de optar por unha instalación individual”.

Aldea de Buchebade

Curiosamente, unha das primeiras comunidades constituidas en Galicia naceu na pequena aldea de Buchebade (Pontecaldelas) na que residen só 60 veciños “e todos se sumaron ao proxecto”, subliña Golpe. Contan cunha instalación con capacidade para xerar 150 Kwp “e neste caso exerceu como axente tractor unha comunidade de montes, que ademais xestiona a traída de augas, o cal facilitou o proceso porque xa existe un coñecemento e unha confianza nos modelos comunitarios”, engade.

Na contorna de Compostela está en marcha un proxecto empresarial no Milladoiro (Ames), e no resto de Galicia, A Illa da Arousa foi un dos concellos pioneiros en impulsar estas comunidades. Conta cun proxecto de xeración de 30 Kwp. Tamén impulsaron iniciativas similares en Liñares, no Concello das Neves (Pontevedra), namentres que no municipio de Vilarmaior xa teñen constituída a comunidade. “Vaise a contagotas”, sinala o técnico provincial, pero cre que este é só un comezo dun novo modelo que acabará estendéndose “porque se aforra e consumes do que xera o vecindario”.