A Laracha impulsa un plan estratéxico para a posta en valor dos seus recursos naturais

 Foi deseñado pola Fundación Galicia Sustentable

A conservación, a sustentabilidade e a participación cidadá son os seus piares

Crearase un centro de dinamización no polígono

Marcos Pérez, esquerda, xerente da Fundación Galicia Sustentable, con alcalde, á dereita, presentando o plan

Marcos Pérez, esquerda, xerente da Fundación Galicia Sustentable, con alcalde, á dereita, presentando o plan / Concello da Laracha

J. M. Ramos

O Concello larachés reafirma o seu compromiso coa conservación ambiental, a sustentabilidade e a participación da poboación coa posta en marcha do Plan Estratéxico Ambiental Alanat (A Laracha Natural), que foi deseñado para liderar o camiño cara á sustentabilidade e a rexeneración ambiental.

Establece un marco estratéxico para a posta en valor funcional e de uso dos recursos ambientais do concello, e para iso aborda varios eixos de acción que inclúen a protección e mellora dos espazos naturais, a promoción da educación ambiental, o fomento do turismo ecolóxico e o desenvolvemento de prácticas sustentables. Considerando fundamental a implicación da poboación, o documento marco de traballo establece unha serie de órganos de xestión “que xogan un papel crucial no asesoramento, seguimento e implementación da folla de ruta”, afirman.

A Laracha pretende servir de modelo para outras comunidades que buscan implementar solucións locais a desafíos ambientais globais.

Alanat é unha estratexia multidimensional que busca harmonizar a relación entre a comunidade e o seu entorno natural, e representa o compromiso cara un futuro máis sustentable onde a conservación ambiental, a participación cidadá e o desenvolvemento económico sostible van da man para beneficio da Laracha e das súas xeracións vindeiras.

O plan parte dun enfoque integral a partir de nove liñas estratéxicas. A primera centrarase na restauración e conservación de ecosistemas; a segunda, na conectividade ecolóxica e paisaxística; a terceira, na adaptabilidade e resiliencia ao cambio climático; a cuarta, na xestión sustentable dos recursos naturais; a quinta, na valorización e promoción dos servizos ecosistémicos; a sexta, no lecer activo sustentable e turismo ecolóxico; a sétima, na sustentabilidade e innovación ambiental; a oitava, na educación e sensibilización ambiental; e a novena, na participación e inclusión. Para garantir esa participación, un órgano consultivo composto por expertos representantes da comunidade e outros actores chave, proporcionará orientación estratéxica, asesoramento e apoio á implementación de iniciativas. Un dos proxectos principais será o Centro de Dinamización Ambiental, que se ubicará no parque empresarial.

Será un espazo multifuncional deseñado para ser o motor e o núcleo da implementación e desenvolvemento da estratexia. Un centro que actuará como plataforma para a educación ambiental, a investigación, a participación comunitaria e a coordinación de proxectos.