A Laracha avanza na humanización da capital local priorizando aos peóns nas rúas céntricas

O investimento ascende a 100.000 euros

A obra é cofinanciada polo Concello e a Deputación

Os edís Almudena Martínez e Pablo Cambón, á esquerda, supervisando as obras

Os edís Almudena Martínez e Pablo Cambón, á esquerda, supervisando as obras / Concello da Laracha

J. M. Ramos

O Concello larachés puxo en marcha as obras de humanización da rúa José Manuel Ferreira Penedo, no núcleo urbano da Laracha. Ao tratarse dunha rúa eminentemente residencial, priorizarase aos peóns sobre o tránsito rodado. Para iso contémplase a ampliación das beirarrúas a ambos os dous lados da calzada, o aumento da seguridade viaria co marcado de pasos para peóns (un deles, elevado) e o establecemento do sentido único da circulación, o que permitirá habilitar máis aparcamentos (con prazas sinalizadas para vehículos de persoas con mobilidade reducida) e crear áreas de descanso con mobiliario urbano.

Esta intervención deseñada polo Concello dará continuidade a outros proxectos de similares características realizados en varias rúas da capital municipal próximas á que será obxecto desta intervención, tales como Epifanio Campo, Silverio Moreda, David Mallo, A Coruña, Lugo, Pontevedra e Suíza, entre outras.

O proxecto está valorado en 100.000 € e é cofinanciado entre o Concello e a Deputación da Coruña.