Xestur ofrece 54.000 metros de solo a prezo bonificado en 8 polígonos da área de Santiago

 A rebaixa segue vixente nas tres parcelas dispoñibles no parque de Carballo

As outras dez están nos de Ordes, Negreira, Arzúa, Ponteceso, Lalín, Silleda e Melide

O desconto sobre o custo pode acadar o cincuenta por cento

Vista do polígono de Bértoa, en Carballo, onde só quedan tres parcelas dispoñibles

Vista do polígono de Bértoa, en Carballo, onde só quedan tres parcelas dispoñibles / Polígono de Carballo

J. M. Ramos

A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Xestur, oferta este ano case un millón de metros cadrados de solo urbanizado en 39 polígonos das catro provincias e con bonificacións sobre o prezo de venda de ata o 50%. Oito deses parques empresariais están ubicados na contorna de Santiago, nos cales se ofertan un total de 13 parcelas que suman máis de 54.000 metros cadrados.

Máis da metade dese solo (29.817 m2) pertence ao polígono de Bértoa, en Carballo, e correspóndese coas tres únicas parcelas dispoñibles. Hai que lembrar que o pasado 24 de xaneiro rematou o prazo de presentación de ofertas para a redacción do proxecto de expropiación dos terreos necesarios para acometer a segunda fase de ampliación. O obxectivo é habilitar preto de 639.000 metros cadrados máis.

O plan estruturante ordena o espazo de xeito que poida adaptarse á demanda real de solo industrial, para o cal delimita unha ampla área de ordenación diferenciada no sector A, con catro opcións en canto ás posibilidades de xerar parcelas de maior ou menor dimensión, en atención a posibles demandas de empresas que precisen grandes superficies continuas de solo.

O resto das parcelas rebaixadas na contorna compostelana sitúanse nos polígonos de Negreira (2, que suman 4.080 m2), Arzúa (1 de 2.011 m2), Ordes (1 de 3.830 m2), Ponteceso (1 de 750 m2), Lalín (1 de 2.008 m2), Silleda (2 e un total de 7.031 m2) e Melide (2 cunha superficie total de 4.680 m2). Ao igual que sucede en Carballo, trátase das únicas parcelas libres que quedan nos referidos parques empresariais.

Os interesados en mercar solo no polígono carballés de Bértoa ou a parcela de Ponteceso terán dereito a unha bonificación equivalente ao 50%, ao igual que no resto de polígonos das provincias de Lugo e Ourense, e nas áreas de Ferrolterra e a fronteira con Portugal. Pola súa banda, nos resto dos polígonos empresariais de titularidade autonómica a rebaixa será do 30%.

Da superficie total ofertada en Galicia, 517.808 m2 repartidos en duascentas cincuenta e dúas parcelas pertencentes a dezanove polígonos “serán postos á venda a través dun concurso público que se convocará este mes, e o resto xa está en fase de comercialización ou sairá ao mercado nos próximos meses”, segundo informa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Ao longo do ano Xestur prevé convocar un segundo concurso para comercializar outros 103.567 metros cadrados nas fases catro e cinco do polígono lucense das Gándaras.

Outras tres modalidades

Dende a Xunta lembran que a adquisición “non é a única forma” que teñen as empesas para acceder ao solo industrial, senón que existen outras tres modalidades: adxudicación en dereito de superficie a cambio do pagamento dun canon reducido, que oscila entre os 0,45 e os 2,89 euros por metro cadrado; a compravenda con pagamento aprazado ata en 8 anos; ou o arrendamento, opción reservada só para os parques de Cedeira, Ortigueira, Vilamarín, Silleda e Arbo.

Licitada a ampliación na Laracha para poder responder á alta demanda de chan industrial

Cun índice de ocupación que supera xa o 80%, o polígono da Laracha é, xunto co de Carballo, o máis dinámico da Costa da Morte. Para poder dar resposta á demanda de chan, Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), sociedade titular do parque, procedeu o pasado día 30 de xaneiro a licitar o proxecto de ampliación para habilitar 332.836 metros cadrados, “o que supón que alcanzará unha superficie que superará o millón de metros”, segundo sinala ao respecto a xerente de SEA, Beatriz Sestayo.

A ampliación, que se desenvolverá nun espazo colindante, segue avanzando despois de que a Xunta aprobase o pasado 25 de xaneiro a modificación puntual número 2 do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.

“Só cinco días despois, SEA aprobou a licitación co fin de axilizar ao máximo os trámites para responder á demanda de solo”, subliña Sestayo. Engade ademais que o parque larachés “é un referente empresarial en Galicia”, que acolle actualmente a vinte e cinco empresas.