Valga e Vedra volven a erixirse como capitais da camelia con exaltacións

No municipio pontevedrés xa rematou a exposición Bella Otero a cargo da asociación de mulleres rurais Albor

No compostelano puxeron en marcha actividades deportivas, e a mostra chegará aos arredores da Estación o día 25

Recente exposición da camelia desenvolvida no aditorio municipal de Valga este mes

Recente exposición da camelia desenvolvida no aditorio municipal de Valga este mes / Concello

A finais do século XVIII chegaban a Galicia as primeiras camelias, unha especie da familia do té que prendeu ben nesta terra, e hoxe está a ser exaltadas por varios concellos da comarca, como poden ser Valga ou Vedra. A paixón pola denominada rosa do inverno engancha, e cada vez son máis os xardíns onde se pode atopar como planta ornamental. 

Comezando por Valga, a principios de mes poñíase en marcha a Mostra da Camelia Bella Otero no auditorio municipal, a cargo da asociación de mulleres rurais Albor. E foron uns corenta os expositores participantes nesa décimo sexta edición cos seus centros e composicións florais nos que destaca o colorido propio das distintas variedades desta especie. Centros educativos, ANPA, asociacións e outros colectivos valgueses e tamén coleccionistas particulares, tanto locais coma foráneos, participan na mostra.

 “Cada vez hai máis coleccionistas en Valga”, sinala Rosa Crespo, presidenta de Albor. E a iso contribuíu precisamente a Mostra da Camelia, xa que cada ano os participantes son agasallados cun exemplar que lles axuda a ampliar as súas plantacións. Ademais, aproveitaron para lembrar que “este ano non foi moi propicio para a camelia”, xa que “tanta chuvia e a falta de sol fixeron que as plantas tardaran moito en florecer”, comenta Rosa Crespo. “Estas últimas semanas solleiras viñeron moi ben, xa que axudaron moito á floración”.

OUTRO EPICENTRO. E xa na provincia da Coruña, a outra capital desta flor é Vedra, Concello no que xa comezaron coa programación, que terá o acto principal o vindeiro día 25 coas XXVIII Xornadas Arredor da Camelia, na contorna da Nave da Estación de Santa Cruz de Ribadulla. O programa abrirase ás 12.30 horas coa apertura da mostra e do mercado das camelias; ás 12.45 horas inaugurarase co escultor e pintor vedrés, amante das camelias e do Camiño de Santiago, Cándido Pazos, incluíndo a Irmandade con Lousada (Portugal) e a entrega de premios e agasallos de participación para as Mostras de Flor e Ornamentación con camelia.

A conselleira Lorenzana e o alcalde de Vedra, primeiro plano, na exaltación 2023 da camelia

A conselleira Lorenzana e o alcalde de Vedra, primeiro plano, na exaltación 2023 da camelia / Xunta

Ás 13.30 horas, turno para a actuación da Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla do Concello de Vedra; espectáculo infantil e familiar Lila Star ás 17.00 horas e entrega de premios do Concurso de Pintura Infantil da Camelia; Desfile de Moda da Camelia ás 18.15 horas; e, ás 19.00 horas, actuación da Agrupación Instrumental e Coro de Secundaria do CPI Plurilíngüe de Vedra.

Destacar que previamente organizáronse a marcha a XIII BTT Cicloturista da Camelia polo Val do Ulla con 364 participantes, e a VIII Carreira por Montaña A Camelia. Este venres haberá na Estación unha charla (20.00 horas) titulada Curiosidades da Camelia, a cargo de Carmen Salinero e Pilar Vela (da Estación Fitopatolóxica Areeiro); o sábado, curso de fotografía con saída; e o 24, visitas teatralizadas ao Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, máis obradoiros. Anotacións na web municipal.