A Laracha avanza no plan de humanización de rúas da capital local e na mellora de estradas

O Concello e a Xunta cofinanciarán a mellora da vía de Vilarmaior a Condesuso

O alcalde, José M. López, á dereita supervisando as obras en Lendo

O alcalde, José M. López, á dereita supervisando as obras en Lendo / Concello da Laracha

J. M. Ramos

O Concello larachés segue completando o plan de humanización das principais rúas da capital municipal. Actualmente as obras céntranse na rúa José Manuel Ferreira Penedo, que pasará a ser de sentido único para a circulación de vehículos, logo da ampliación das beirarrúas a ambos lados da calzada. Ademais, “habilitaranse máis aparcamentos, reforzarase a seguridade e crearanse áreas de descanso con mobiliario urbano”, subliñan dende o goberno local.

Trátase dun proxecto de similares características aos desenvolvidos nas rúas Epifanio Campo, Silverio Moreda, David Mallo, Coruña, Lugo, Pontevedra e Suíza, entre outras.

Paralelamente, está en marcha a mellora da estrada entre O Cruceiro e Escurido, en Lendo. O tramo de actuación alcanza os 600 metros e o orzamento é de 39.000 €.

Asemade, o Concello e a Xunta cofinanciarán o plan de mellora da estrada entre Vilarmaior e Condesuso. Ampliarase a plataforma da calzada ata os 5,5 metros. O investimento ascende a 127.000 €.