Quince persoas fórmanse na Laracha para dar servizo de comidas en centros sociosanitarios

O obxectivo é dar resposta ás oportunidades laborais no municipio

O alcalde, José M. López, visitou ás participantes no programa de emprego

O alcalde, José M. López, visitou ás participantes no programa de emprego / Concello da Laracha

J. M. Ramos

O Programa Integrado de Emprego da Laracha puxo en marcha unha acción formativa específica sobre o servizo de comidas en centros sanitarios e sociosanitarios, a través da cal quince persoas aprenderán as estratexias e modos de actuación nos centros de restauración colectiva. O curso vaise desenvolver ata o vindeiro día 22 de marzo no centro sociocultural de Lendo.

As accións formativas do Programa Integrado de Emprego da Laracha pretenden dar resposta ás oportunidades laborais existentes no municipio e na súa área de influencia en sectores con crecente demanda de traballadores cualificados.

Así, tamén se están a impartir formacións relacionadas coa hostalería (cociña e restauración básica), loxística (xestión e condución de carretilla elevadora), comercio (xestión de vendas, marketing directo e utilización de redes sociais na xestión comercial) e servizos (limpeza).

Esta formación compleméntase con prácticas non laborais en empresas que colaboran co referido programa de emprego.