Cabana inicia a campaña contra a velutina co reparto de 100 trampas

O ano pasado, co apoio da cidadanía, lograron atrapar máis de 6.100 exemplares

En Fisterra a asociación veciñal pide un plan similar

Mostrario de velutinas capturadas en campañas anteriores no Concello de Zas

Mostrario de velutinas capturadas en campañas anteriores no Concello de Zas / Concello de Zas

J. M. Ramos

O Concello de Cabana de Bergantiños puxo en marcha este martes, día 20 de febreiro, a campaña municipal de loita contra a vespa velutina, que se prolongará durante tres meses, ata o vinte de maio. Unha iniciativa que xa levou a cabo con gran éxito en anos anteriores coa finalidade de capturar as raíñas desta especie coincidindo coa chegada da tempada de primavera.

Con tal fin, o goberno local porá a disposición de veciñanza un total de 100 trampas co seu correspondente líquido atraínte, que este ano será distribuído en bolsas. Para poder recibir ditos dispositivos a veciñanza deberá realizar unha solicitude ben a través da páxina web do Concello ou mediante as oficinas xerais.

Ademais, Plugiber será a empresa responsable da colocación dos dispositivos en diferentes enclaves públicos da localidade, entre os que se inclúen parques, o paseo marítimo e a contorna de zonas verdes e centros de ensino, entre outros. Todas estas trampas estarán xeolocalizadas a través dunha aplicación móbil. Na campaña do ano pasado, en Cabana foron capturadas 6.126 vespas.

Unha vez que remate a campaña as trampas deberán ser devoltas no Concello, e será obrigatorio notificar cunha periodicidade de 15 días o número de raíñas capturadas.

Na Costa da Morte, ademais do Concello de Cabana, outros municipios como A Laracha, Carballo, Laxe e Zas tamén desenvolven campañas similares tentando frear a propagación desta especie invasora.

No concello zaense o pasado ano a campaña pechouse con 12.000 capturas, e na iniciativa de trampeo involucráronse uns 200 veciños e veciñas. Pola súa banda, en Carballo foron máis de 220 as persoas que se sumaron a unha rede de voluntariado, que contou ademais coa colaboración da Asociación Galega de Apicultura e dos apicultores locais. En só dous meses de campaña, conseguiron atrapar máis de 8.100 avespas.

Pola súa banda, en Fisterra, a Asociación de Veciños Costa da Morte, a través do seu presidente, José Fernando Carrillo, remitiu un escrito á alcaldesa solicitando que o Concello promova tamén unha campaña “en todo o municipio dende o vindeiro mes de marzo ata xuño”.

Carrillo Ugarte asegura que é coa chegada da primavera cando se debe facer este trampeo “porque é cando as raíñas saen do período de hibernación para iniciar un novo período de vida creando os seus niños, razón pola cal é o momento de eliminalas, xa que a desaparición da raíña evita que continúe a expansión”.

Subliña ademais que é unha especie que provoca “danos notables para a apicultura, xa que causa unha gran mortandade de abellas e, ademais, as velutinas causan un deterioro da froita madura”.