Tradición e devoción marcarán a Semana Santa de Fisterra

 O cartel das celebracións está ilustrado cunha pintura do Cristo do ano 1950

A escenificación da Resurrección será o acto central

Asistentes á presentación do cartel da Semana Santa de Fisterra

Asistentes á presentación do cartel da Semana Santa de Fisterra / Xunta de Confrarías

J. M. Ramos

A Xunta de Confrarías da Semana Santa de Fisterra deu a coñecer o cartel promocional das celebracións relixiosas de 2024, declaradas de Interese Turístico de Galicia, que este ano está ilustrado cunha pintura do Santo Cristo do ano 1950. Un ano máis, tradición e devoción serán os eixos dos distintos actos programados, que comezarán o día 16 de marzo co Retiro de Coresma no templo do Santo Cristo.

O día 19 comezará o Triduo coincidindo coa festividade de San Xosé, e o día 22, despois da misa cantada polo Coro Nosa Señora das Areas, terá lugar a tradicional procesión de Nosa Señora das Dores, unha das máis expresivas da Semana Santa fisterrá. Percorrerá as principais rúas da vila acompañada pola Banda Municipal de Cee. Ao día seguinte terá lugar a peregrinación ao Santísimo Cristo dende a igrexa de San Xoán de Sardiñeiro. As persoas interesadas en participar deben comunicarllo á Xunta de Confrarías.

O Domingo de Ramos, día 24, bendeciranse os ramos na Praza da Constitución ás 11.15 horas e, de seguido, partirá a procesión da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén ata a igrexa de Santa María das Areas, acompañada pola Banda de Música de Arca (O Pino).

O Xoves Santo comezarán os actos centrais da Semana Santa coa representación da Última Cea e o tradicional Lavatorio de Pés, a partir das 20.00 horas. Despois terá lugar a Oración do Monte das Oliveiras e Prendemento de Cristo antes de rematar coa procesión do Paso da Oración do Horto, acompañada pola Banda Desiderio Paz.

O Venres Santo, na Praza de Santa Cataliña, comezarán ás 12.00 horas o Vía Crucis e o Santo Encontro, amenizados polas bandas de Santa Cruz de Rivadulla e Arca (O Pino).

Pola tarde, ás 20.00 horas, escenificarase o Desencravo de Xesús na igrexa de Santa María das Areas e logo será a procesión do Santo Enterro, a máis arraigada na tradición de Fisterra. O sábado será unha xornada de meditación e vixilia pascual, e o domingo será o día grande, coa chegada de milleiros de romeiros que serán testemuñas da Resurrección do Señor, una escenificación con personaxes viventes inspirada nun antiquísimo auto sacramental que narra en verso a chegada das desconsoladas mulleres ao sepulcro e o seu encontro co anxo que lles anuncia a boa nova en forma de proclama ao mundo enteiro co tradicional Aleluia, o repique de campás, fogos de artificio, unha solta de pombas e o izado das bandeiras.

O acto de presentación estivo presidido pola alcaldesa, Áurea Domínguez; o presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa, Felipe Castro, e varios membros da mesma; e o padre Britto, párroco de Fisterra.