Vedra afonda no coñecemento das tradicións e a cultura do viño nun encontro en Bulgaria

O alcalde encabezou unha delegación que participou no intercambio cos socios do proxecto Wineu.rur

O alcalde, Carlos Martínez, no centro no encontro celebrado en Bulgaria

O alcalde, Carlos Martínez, no centro no encontro celebrado en Bulgaria / Concello de Vedra

Redacción

Unha delegación do Concello de Vedra, encabezada polo alcalde, Carlos Martínez, visitou a localidade de Bolyarovo, en Bulgaria, coa finalidade de coñecer de primeira man as tradicións e a cultura do viño deste territorio europeo.

A visita estivo enmarcada dentro do quinto evento internacional do proxecto europeo Wineu.rur, no que participa unha rede de cidades que lidera o Concello de Vedra, e que está dedicada á protección do patrimonio paisaxístico e cultural, especialmente á tradición do cultivo do viño nas distintas rexións xeográficas que participan desta iniciativa de ámbito comunitario.

Nesta ocasión a temática do citado evento foi a innovación tecnolóxica para a xestión do turismo cultural en áreas dispersas.

O alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, foi recibido polo seu homólogo de Bolyarovo, con que compartiu unha xuntanza para poñer en común, xunto cos outros socios do proxecto, as próximas accións que se levarán a cabo, e establecer contactos para futuras colaboracións.