Ames garante a aprobación do orzamento co respaldo do BNG

 O goberno socialista asina este mércores o acordo cos nacionalistas

As contas, por valor de 32 millóns, debateranse en pleno o xoves

A edil Susana Señorís e o alcalde, Blas García, presentando os orzamentos de 2024

A edil Susana Señorís e o alcalde, Blas García, presentando os orzamentos de 2024 / Concello de Ames

J. M. Ramos

Apenas vinte e catro horas despois de que se presentase a proposta de orzamento municipal de Ames para 2024, o goberno local (PSOE, 8 concelleiros) pechou un acordo co BNG (5 edís) que garante a aprobación das contas no pleno extraordinario convocado para o vindeiro xoves, ás 20.30 horas.

Un acordo que será asinado este mércores no salón de plenos da casa consistorial, en Bertamiráns, ás 13.30 horas. No acto participarán o alcalde, Blas García; a primeira tenente de alcalde, Susana Señorís; e o voceiro do grupo municipal do BNG, David Santomil.

Será o maior orzamento municipal da historia local, ao superar os 32,5 millóns de euros, e segue a mesma liña de anos anteriores co fin de blindar áreas como as de Educación e Servizos Sociais, ademais dos servizos básicos. A principal área de gasto pasa a ser a de Educación, co 22,3% do total do orzamento (un 3,56% máis que en 2023), seguida da de Benestar Comunitario, co 16,8% e da de Servizos Sociais e Promoción Social, que representa o 9,8%.

No tocante aos gastos, a área de Persoal acapara o 36,27% (un 2,44% máis que en 2023), acadando os 11.807.740 euros. Na partida xa se inclúe aos novos traballadores que se subrogarán para a nova empresa pública de auga de Ames.

Pola súa banda, os gastos correntes, bens e servizos suporán o 48,34%, e o capítulo de investimentos reais ascende a 3.302.761 euros, e inclúe unha partida de 1.639.306 € de fondos propios, ademais dos que aportan outras administracións.

Sobre o capítulo 1 de ingresos, que recolle os impostos indirectos, dende o goberno local sinalan que non se vai incrementar a cota do IBI, que se manterá no 0,5 na natureza urbana, o 0,33 na rústica e 1,3 naqueles bens de características especiais.

O Imposto de Vehículos (IVTM) si que sufrirá un lixeiro incremento con respecto a 2023, ao igual que as plusvalías, “que tamén teñen unha pequena subida, pero non é debido a unha modificación do tipo impositivo, senón a todos aqueles cambios que se produciron nas leis que regulan este imposto”, segundo sinalou ao respecto a concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís.

Polo que respecta ás taxas, si que hai unha modificación á alza debido á subida do servizo de recollida do lixo para adecualo á normativa.

O alcalde, Blas García, lembrou que en 2017 o orzamento era de 23 millóns de euros “e sete anos despois incrementamos as contas en 9 millóns, e iso require dun esforzo importante”. Por iso, engadiu, “gustaríame poñer en valor o esforzo deste goberno en minoría que leva demostrando neste 8 meses de lexislatura que con tesón, dedicación e gañas se poden facer moitas cousas”.