Os orzamentos de Ames superan os 32,5 millóns e blindan as áreas de Educación e Servizos Sociais

Son os máis altos da historia municipal

Inclúen unha partida de 1.388.050 euros para a posta en marcha da empresa pública da auga

O alcalde, Blas García, segundo pola esquerda, no acto de presentación dos orzamentos de 2024

O alcalde, Blas García, segundo pola esquerda, no acto de presentación dos orzamentos de 2024 / c. ames

Redacción

O goberno de Ames, que preside Blas García, presentou este luns o que será o maior orzamento municipal da historia local, ao superar os 32,5 millóns de euros. É o oitavo que se presenta de xeito consecutivo dende 2017 e, segundo o executivo local, segue a mesma liña de anos anteriores co fin de blindar áreas como as de Educación e Servizos Sociais, así como servizos básicos.

A principal área de gasto pasa a ser a de Educación, co 22,3% do total do orzamento (un 3,56% máis que en 2023), seguida da de Benestar Comunitario, co 16,8% e da de Servizos Sociais e Promoción Social, que representa o 9,8%. Unhas contas que serán sometidas á decisión do pleno o vindeiro xoves, día 22, ás 20.30 horas. O goberno municipal mantivo varios contactos cos grupos políticos da oposición “para achegar propostas co obxectivo de tratar de chegar a acordos”, afirman.

O alcalde, Blas García, lembrou que en 2017 o orzamento era de 23 millóns de euros “e sete anos despois incrementamos as contas en 9 millóns, e iso require dun esforzo importante”. Por iso, engadiu, “gustaríame poñer en valor o esforzo deste goberno en minoría que leva demostrando neste 8 meses de lexislatura que con tesón, dedicación e gañas se poden facer moitas cousas”.

García subliñou tamén que “Ames é un concello fundamentalmente prestador de servizos de calidade, e por iso é o único de Galicia que ten un saldo vexetativo positivo, e un dos poucos que nos últimos anos medrou, dobrando a súa poboación dende 2020 ata a actualidade”.

Subliñou que, a pesares de non ser unha competencia propia do Concello, “estamos investindo o 22,3% en Educación, principalmente en servizos de conciliación e comedores escolares, ademais doutros investimentos en centros educativos”. Ademais, engadiu, “apostamos por outros servizos, como os de xardinería e limpeza viaria no rural, e por incrementar a axuda no fogar e reforzar o programa Xantar na casa”.

Pola súa banda, a concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, afirmou que se blindan áreas “que para nós teñen unha relevancia moi importante, xa que o noso é un dos concellos máis novos de Galicia”. Indicou ademais que o executivo local centrarase “na atención e escoita aos veciños, e ímonos centrar nos nosos maiores, creando un plan de Soidade 0, para que aquelas persoas que están soas teñan a alguén que poida escoitalas e a quen recorrer para ter liña directa co Concello”.

E o voceiro do goberno local, Víctor Fernández, destacou que “son uns orzamentos ambiciosos”, que inclúen unha partida de 1.388.050 euros para a posta en marcha da empresa municipal de auga de Ames.

No tocante aos gastos, a área de Persoal acapara o 36,27% (un 2,44% máis que en 2023), e os gastos correntes, bens e servizos suporán o 48,34%. Pola súa banda, no capítulo de investimentos reais inclúese unha partida de 1.639.306 € de fondos propios, ademais dos que aportan outras administracións.