Blas García acusa a Xunta de pór prezo á seguridade no Milladoiro ao recorrer o proxecto da travesía

O alcalde de Ames lamenta que para o Executivo autonómico “a saúde dos veciños custa 2 millóns de euros e un puñado de votos”

Recreación virtual de como quedaría a travesía do Milladoiro coa humanización proxectada

Recreación virtual de como quedaría a travesía do Milladoiro coa humanización proxectada / Cedida

Suso Souto

O Concello de Ames informou que o pasado día 6 de febreiro o director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez Iglesias, lle comunicou ó alcalde, Blas García, que a Xunta interporía un recurso contencioso-administrativo contra o proxecto de humanización da travesía do Milladoiro, e que este anuncio chegaba cinco meses despois de que Menéndez “realizase unha desafortunada intervención na Comisión 2ª do Parlamento Galego” na que adiantaba dita medida para paralizar o citado proxecto.

Unha actuación de humanización que supón “un investimento histórico para Ames e que fará posible a mellora da vida dos 15.000 habitantes do núcleo máis grande do municipio e que actualmente sofren o tránsito de máis de 30.000 vehículos”, segundo o executivo amiense.

O rexedor vinculou a forma de actuar da Xunta “coa necesidade de facerlle oposición ao Goberno de España a estas alturas de campaña electoral e buscar unha compensación económica polo desvío do tráfico polas vías autonómicas”. “Para a Xunta a saúde e a seguridade dos veciños do Milladoiro custan dous millóns de euros e un puñado de votos”, dixo. 

O alcalde tamén lle afea tanto á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, como ao director da AXI, Francisco Menéndez, “a falta de respecto institucional que amosaron durante todo este proceso”.

“Esta Alcaldía tendeu sempre a man para buscar unha solución e non obtivo resposta nin por parte da conselleira nin do director”, sinala García, quen advirte que “pase o que pase o día 18” non vai mudar de postura en canto á humanización da travesía. “Eu vou seguir sendo alcalde despois do 18 de febreiro; eles igual teñen que deixar os seus cargos na Administración autonómica. O que teño claro é que, pase o que pase, voume opoñer frontalmente a calquera Goberno que atente contra a veciñanza do Milladoiro”, dixo.

A humanización da travesía do Milladoiro está financiada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana con 4.397.960 € e consiste na supresión dun carril por sentido no tramo da N-550.