A estrada lousamiá de Seoane estará pechada ao tráfico dende este luns por obras na contorna da igrexa de San Xoán

Os desvíos alternativos estarán sinalizados e o autobús escolar recollerá en Vilacoba á rapazada de Seoane, Afeosa, Cruce de Froxán e Vilar de Reconco

Contorna da igrexa de San Xoán de Lousame

Contorna da igrexa de San Xoán de Lousame / Concello de Lousame

Suso Souto

O Concello de Lousame informa do corte ao tráfico da estrada municipal de Seoane (parroquia de Lousame) a partir deste luns 26 debido ao avance das obras de mellora na contorna da igrexa de San Xoán, nas que se están a investir máis de 55.000 euros. Os desvíos alternativos estarán convintemente sinalizados durante os traballos, cuxa duración dependerá en gran maneira das condicións climatolóxicas, se ben inicialmente están programados para pouco máis dun par de semanas. 

Así mesmo, o Concello informa de que este corte de tráfico afectará tamén á ruta 4 do autobús escolar, en concreto ás crianzas das localidades de Seoane, Afeosa, Cruce de Froxán e Vilar de Reconco. Durante os días que duren os traballos estas familias terán dúas opcións: levar elas mesmas ás crianzas ata o colexio ou empregar a parada de Vilacoba, unha situación que o Concello xa lle trasladou ás familias durante esta semana.

Localización da zona na que se van acometer as obras

Localización da zona na que se van acometer as obras / Concello de Lousame

A administración local lamenta as molestias que este corte de tráfico pode supoñer aos veciños e veciñas ao tempo que lembra tamén as importantes melloras que suporán estas obras tanto de posta en valor do patrimonio cultural lousamiá como das propias condicións de vida da veciñanza de Seoane. Así, as actuacións previstas están encamiñadas a dotar á veciñanza dun espazo de lecer digno na contorna da igrexa de San Xoán. Para iso, recuperarase o espazo anterior ao adro da igrexa, como antesala deste.

As obras inclúen a instalación dun sistema de recollida de augas na estrada, que as conducirá ata a rede de pluviais existente, e a pavimentación mediante adoquín de granito no actual trazado da estrada. Finalmente, instalarase unha nova marquesiña, de estrutura de aceiro e envolvente de placas traslúcidas, e colocaranse cubrecontedores do lixo, para unha mellora visual dos espazos de contedores existentes actualmente.