Unha MercaEscola para formar e informar aos adultos en Carballo

 Consumo, saúde e medio ambiente serán os eixos das 12 actividades previstas

Celebraranse no mercado municipal ata o día 6 de xuño

Evencio Ferrero, esquerda, e Ramón Varela presentando a MercaEscola

Evencio Ferrero, esquerda, e Ramón Varela presentando a MercaEscola / Concello de Carballo

J. M. Ramos

Atender a demanda de formación das persoas adultas e dinamizar o mercado municipal son os dous obxectivos da MercaEscola que o Concello de Carballo porá en marcha o 11 de marzo. Ata o 6 de xuño desenvolverá doce actividades que terán tres bloques diferenciados: consumo, saúde e medio ambiente.

O primeiro centrarase nos dereitos dos consumidores a través de catro charlas enfocadas a resolver as dúbidas sobre cuestións como os recibos da luz e o gas, a compra responsable, as entidades bancarias ou como presentar unha reclamación. Todo elo dun “xeito moi práctico”, explicou o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, no acto de presentación, no que estivo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero.

No bloque adicado á saúde contarán coa participación do oncólogo Alfonso Mariño coincindo coa celebración da Semana Europea contra o Cancro, no mes de maio; da nutricionista e fisioterapeuta Leticia González, que falará da relación entre estas dúas especialidades e de como aplicar normas básicas para mellorar a saúde no día a día; e da investigadora carballesa María Vilanova, que colabora nun proxecto da Facultade de Fisioterapia da Universidade da Coruña para intentar determinar se a marcha nórdica pode mellorar a patoloxía asmática.

Neste bloque tamén haberá catro sesións. A cuarta será impartida por Protección Civil, que dun xeito moi práctico ensinará nocións de primeiros auxilios para poder aplicar no fogar ante emerxencias cotiás coma unha caída, un atragoamento ou unha queimadura.

No bloque vinculado ao medio ambiente e os servizos públicos, comezarán falando da avespa velutina, coincidindo coa posta en marcha da campaña de trampeo no mes de marzo. A Policía Local ofrecerá as pautas para moverse mellor e con máis seguridade, sobre todo desde o punto de vista peonil. A separación dos residuos en orixe, nunha sesión tamén moi práctica que ofrecerá Sogama, e unha visita guiada polo ciclo integral da auga completarán o curso. Será unha saída en autobús, con persoal de Gestagua, para coñecer unha captación, unha planta de tratamento de auga potable e unha depuradora de augas residuais.

As persoas que asistan a todo o curso recibirán un diploma acreditativo, pero tamén é posible inscribirse para sesións soltas. Dado que as prazas son limitadas, terán preferencia as persoas que se anoten para o curso completo. A inscrición pode facerse na casa do concello ou enviando o impreso cuberto por e-mail a comunicacion@carballo.gal. O prazo está aberto ata o xoves 7 de marzo. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. A matrícula e as sesións son de balde.