Carballo estrea este venres unha escola de familias para unha educación en igualdade

Comeza este venres cun obradoiro de primeiros auxilios

Ángeles Pacoret, á esquerda, Evencio Ferrero e Maica Ures presentando a escola

Ángeles Pacoret, á esquerda, Evencio Ferrero e Maica Ures presentando a escola / C. Carballo

J. M. Ramos

Carballo estrea unha escola de familias pola educación en igualdade, unha iniciativa conxunta das concellarías de Normalización Lingüística e Igualdade coa que se pretende, por unha banda, ampliar a oferta de actividades para familias con nenos de cero a seis anos e, por outra, seguir traballando desde as idades máis temperás na creación dunha sociedade máis igualitaria.

Apego en igualdade é a denominación do programa, que veñen de presentar as concelleiras Ángeles Pacoret e Maica Ures e o alcalde, Evencio Ferrero. A idea xurdiu a raíz dos obradoiros sobre xoguete non sexista celebrados en decembro. “Sempre dicimos que a maneira de desbotar as desigualdades é a educación e a formación”, sinalou Ures.

A primeira actividade será este venres, día 16, e consistirá nun obradoiro de primeiros auxilios impartido por Protección Civil.