Costa da Morte queda libre da praga da couza da pataca seis anos despois de detectarse en Muxía

 Medio Rural levantou a prohibición do cultivo na parroquia larachesa de Caión, en dúas de Arteixo e en Burela

Mantense en seis concellos de Galicia e pasan a ser zonas infestadas oito núcleos de Abegondo, Carral e Fene

Colleita de patacas nunha finca de Galicia

Colleita de patacas nunha finca de Galicia / Consellería do Medio Rural

A última actualización de zonas demarcadas pola presenza da praga da couza guatemalteca da pataca, publicada pola Consellería do Medio Rural no Diario Oficial de Galicia, confirma que a Costa da Morte queda libre da Tecia solanivora povolny despois de seis anos, cando se detectou a súa presenza en Muxía e en varios concellos limítrofes.

Por iso, a Xunta levantou a prohibición do cultivo de pataca –medida que se mantiña para evitar a expansión da couza deste tubérculo– na parroquia de Caión, na Laracha, e tamén nas de Chamín (Santaia) e Corrizo (San Pedro), en Arteixo; e en todo o Concello de Burela.

Polo tanto, poderán plantarse patacas en todo o municipio da Laracha, “pero coa obriga, no caso de Caión, de comunicar á Xunta a sementeira na totalidade das parcelas, xa que esta parroquia pasa a ser zona tampón”, afirman dende o Concello larachés. Un trámite que se pode realizar dende as oficinas municipais. Ademais, segundo informan dende o goberno local, que preside José Manuel López, “a parroquia de Lendo, ata o de agora zona tampón, pasa a ter a consideración de zona libre para o cultivo da pataca, polo que decaen as medidas que estaban establecidas para a contención da praga”.

Pola contra, Medio Rural declarou como novas zonas infestadas as parroquias de Abegondo, Cabanas, Figueroa e Sarandós, no Concello de Abegondo; as de Cañás e Paleo, no municipio de Carral; e as de Barallobre e Maniños, de Fene.

Ao tempo, mantense a prohibición de plantar pataca nas parroquias de A Pedra, en Cariño, e San Xurxo de Moeche, en Moeche. En Lugo, a prohibición do cultivo deste tubérculo segue a manterse na parroquia de Santa María de Trabada, no Concello homónimo.

Ademais son zonas tampón –espazos límite de contención en lugares que lindan con zonas infestadas e nas que se pode plantar pataca comunicando o cultivo–, as parroquias de Cerneda, Folgoso, Mabegondo, Meangos, Montouto e Viós, en Abegondo; a das Somozas, no Concello homónimo; Laraxe, en Cabanas; Vigo, en Cambre; Cariño, Landoi e Sismundi, en Cariño; as parroquias de Beira, Quembre, Sergude, Tabeaio e Vigo, en Carral; Régoa, en Cedeira; As Encrobas, en Cerceda; e Castelo, en Culleredo.

Tamén son zonas tampón Limodre, Magalofes e Perlío, en Fene; Labecengos, San Xoán de Moeche e Santa Cruz de Moeche, no Concello de Moeche; Franza e Piñeiro, en Mugardos; e Ferreira e Lamas, en San Sadurniño. E na provincia de Lugo, San Xusto de Cabarcos, en Barreiros; Santo Tomé de Lourenzá e Santo Adrao de Lourenzá, no municipio de Lourenzá; A Fórnea, A Valboa, Sante, Vidal e Vilapena, no Concello de Trabada.

Os agricultores das novas zonas infestadas deberán declarar as existencias de pataca almacenada na oficina rural máis próxima, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora ou a través da sede electrónica da Xunta, utilizando o código de procedemento MR465B. A pataca almacenada será retirada polos servizos oficiais para proceder á súa destrución, e os produtores poderán solicitar unha demnización.

Avance significativo na contención

A praga da couza guatemalteca detectouse por primeira vez en Galicia no 2015, e a Consellería do Medio Rural tivo que prohibir o seu cultivo en varios concellos das provincias da Coruña e Lugo de cara a procurar a súa erradicación.

Na actualidade, os datos de seguimento a través da rede de moinitorización da Xunta, que conta con 2.100 trampas no territorio para realizar análises sistemáticas, “mostran un avance significativo na súa contención, previa a unha posible erradicación”, subliñan dende Medio Rural.

En varias zonas demarcadas non se detectou a presencia deste organismo durante dous anos, o que fai posible o levantamento das medidas fitosanitarias de erradicación. Lembran dende a Administración autonómica que no 2019 rexistrouse o momento de máxima expansión da couza guatemalteca, chegando a estar infestados 35 concellos. Neste tempo investíronse 5,2 millones de euros no Plan de choque contra a praga.

Suscríbete para seguir leyendo