Todo o que vostede quixo saber da Unión Barcalesa, a un golpe de clic
O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega vén de facer pública a dixitalización dos fondos da entidade cubana
Grazas aos membros desta diáspora puideron abrirse escolas no val como a de Covas (en 1921), Aro (1926) e a Casa-Escola de Seoane (1932)

Reunión de emigrantes da Unión Barcalesa nunha celebración a principios do século XX / Consello da Cultura
O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega vén de facer pública a dixitalización de gran parte dos fondos documentais da Sociedad de Instrucción Unión Barcalesa, unha entidade fundada en 1907 que reunía aos emigrantes do val da Barcala (Negreira e A Baña) en Cuba. Os fondos permiten consultar documentos sobre o funcionamento da entidade entre 1907 e o ano 2004, e pódese acceder en https://consellodacultura.gal/evento.php?id=201806.
A Unión Barcalesa nacía na Habana co obxectivo de fundar escolas na súa terra natal. A entidade deu construídas e financiadas ao longo da súa vida escolas como Covas (1921), Aro (1926) e a Casa-Escola de Seoane (1932), na Baña. Tamén se cita a unitaria de Broño (1969), aínda que non está claro que todos os fondos chegarán dende a diáspora caribeña.

Alcaldes de Negreira, A Baña, Val do Dubra e autoridades co finado presidente, sentado no centro, no centenario de 2007 / ECG
Boa parte dese proceso e o resto das accións da entidade recóllense nos libros de actas das xuntas directivas, das Asembleas de Socios, da caixa económica, do panteón e na correspondencia recibida. O acceso a estes fondos é libre e aberto no web do Consello da Cultura Galega.
A dixitalización tamén permite comprobar a implicación da sociedade na educación de alumnos de clase baixa, pero tamén con diversos proxectos de modernización dos equipamentos e da estrutura agraria do val da Barcala, como a iniciativa de creación dun ferrocarril entre Bergantiños e Santiago de Compostela ou as campañas pola redención de foros. A dixitalización dos fondos da Unión Barcalesa é parte do programa Memoria documental das sociedades da emigración galega, a través do cal o Arquivo da Emigración Galega está a recuperar os fondos de diferentes entidades asociativas da diáspora galega para a súa consulta e preservación.
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Aplazada la huelga indefinida de autobuses en Santiago, aunque sigue sin haber acuerdo
- Hasta cinco tapas gratis por consumición: la nueva cafetería que no querrás perderte en el corazón de Santiago
- La Deputación da Coruña licita por 1,12 millones la adquisición de un inmueble para su sede en Santiago
- Augas de Galicia sanciona al Concello de Santiago con 300.000 euros tras mediciones en el río Sar
- El bar a 20 minutos de Santiago donde Netflix rodó una de sus series más vistas: 'Fue una experiencia flipante
- Aumenta la división sindical por el conflicto de los autobuses tras la última reunión mediadora
- El aeropuerto de Santiago pierde uno de cada tres pasajeros con respecto al año pasado
