Muxía financiará un plan de limpeza e mantemento cos 2,3 millóns do remanente de tesourería

O alcalde, Iago Toba, di que lles permitirá tamén facer fronte a outros investimentos

O alcalde, Iago Toba, segundo pola dereita, co seu grupo de goberno

O alcalde, Iago Toba, segundo pola dereita, co seu grupo de goberno / Concello de Muxía

J. M. Ramos

O Concello de Muxía conta cun remanente de tesourería próximo aos 2.300.000 euros, parte dos cales destinará a un plan de limpeza e mantemento, segundo confirma o alcalde, Iago Toba.

Unhas cifras que, subliña, “dan mostra da boa xestión económica levada a cabo polo goberno local, e que nos permiten dispor dunha marxe económica suficiente para afrontar posibles investimentos que xurdan”. Non se trata, engade “de presumir de cifras, senón de traballar con contención para poder darlle respostas ás necesidades das nosas veciñas e veciños”.

Lembra ademais que o ano pasado, o remanente positivo permitiulles levar a cabo intervencións “tan importantes como a segunda fase da auga de Suxo, o plan de arranxo de rexillas e pluviais no núcleo urbano, a adquisición dunha bomba de captación de auga na ETAP dos Muíños ou a posta en marcha do plan de emprego centrado na limpeza do rural”.

Actuacións que este ano pretenden complementar cun plan de limpeza e mantemento “no que levamos moito tempo traballando e que repercutirá directamente nunhas mellores condicións para a veciñanza”, defendeu o rexedor.