A rotonda que dá acceso ao Parador de Muxía estará rematada antes da Semana Santa

A Deputación da Coruña inviste máis de 404.000 euros na súa construción

Estado das obras da nova rotonda na vía de acceso ao Parador de Muxía

Estado das obras da nova rotonda na vía de acceso ao Parador de Muxía / Deputación da Coruña

J. M. Ramos

A Deputación da Coruña prevé rematar as obras da nova rotonda da estrada provincial DP 5101 de Muxía a Touriñán pola costa antes da Semana Santa.

Técnicos do departamento de Vías e Obras da institución provincial estiveron estes días supervisando os traballos, que xa se atopan nunha avanzada fase de execución, aínda que quedan pendentes as tarefas de pavimentación, pintado e outros de remate, para os que son necesarios varios días consecutivos con boas condicións climatolóxicas.

As obras, financiadas pola Deputación, supoñen un investimento de 404.295 euros e consisten na execución dunha rotonda cun diámetro de 30 metros no punto quilométrico 2+475, unha estrada anular de 8 metros de ancho e un diámetro central de 11 metros. A rotonda contará cunha luminaria de 3 brazos situada na isleta central.

Ademáis, o proxecto contempla a renovación do firme nos primeiros 2,5 quilómetros do vial cunha nova capa de mestura bituminosa en quente. A actuación “supón unha mellora da seguridade vial e da ordenación do tráfico neste punto, onde había unha intersección para dar acceso a Serantes, Cartel e O Vilariño e conectar coa estrada DP 2303 e co Parador de turismo”, subliñan dende a Deputación.