LETRAS GALEGAS

Guadalupe Vázquez e Modesto Fraga inauguran a biblioteca rural da escola fisterrana do Val de Duio

A escritora carnotana tamén foi homenaxeada, nun emotivo acto, pola veciñanza de Quilmas

Guadalupe Vázquez, no centro, no encontro literario en Duio

Guadalupe Vázquez, no centro, no encontro literario en Duio / Cedida

J. M. Ramos

A comisión de festas de Duio (Fisterra) conmemorou a festividade das Letras Galegas inaugurando a biblioteca rural da escola de Vilar de Duio. Un acto ao que foron convidados a escritora e mestra carnotana afincada en Cee Guadalupe Vázquez Formoso e o seu homólogo fisterrán Modesto Fraga.

O escritor Modesto Fraga presentou 'Don Emerito' na biblioteca da escola de Duio

O escritor Modesto Fraga presentou 'Don Emerito' na biblioteca da escola de Duio / Cedida

Guadalupe Vázquez presentou as súas obras e protagonizou unha sesión de contacontos, na que rodeada de nenas, nenos e as súas familias, relatou as historias do Coelliño branco e o Bo Camiño Valentiño. Pola súa banda, Modesto Fraga fixo unha nova presentación do seu libro Don Emerito. A cita complementouse con obradoiros e unha merendola.

Guadalupe Vázquez no acto celebrado en Quilmas

Guadalupe Vázquez no acto celebrado en Quilmas / Cedida

No lugar de Quilmas (Carnota) as veciñas e veciños do pobo tamén festexaron as Letras Galegas con actuacións musicais a cargo da agrupación e as pandereteiras Chan de Lamas e Portela Vella. Asemade, a veciñanza quixo facer un recoñecemento á escritora Guadalupe Vázquez, natural de Quilmas e autora da novela que leva por título Conto de Quilmas.

Letrogrifa coa que foi agasallada Guadalupe Vázquez en Quilmas

Letrogrifa coa que foi agasallada Guadalupe Vázquez en Quilmas / Cedida

Os representantes veciñais agasallárona cunha letrogrifa, unha peza artesanal do ceramista Nacho Porto, que representa a "unha rapaza que ten letras no corpo e cando abre a billa da súa cabeza saen contos, relatos, cancións....".