Homenaxe a ‘Don Emerito’ en Fisterra

O escritor Modesto Fraga recolleu nun libro a obra de Desiderio Paz Figueroa

O médico que foi o gran impulsor das actividades sociais e culturais na vila

Foi director do coro e autor das composicións máis emotivas da Semana Santa

Francisco Javier Domínguez, esquerda, Aurea Domínguez e Modesto Fraga na presentación

Francisco Javier Domínguez, esquerda, Aurea Domínguez e Modesto Fraga na presentación / Cedida

J. M. Ramos

Varios centos de persoas sumáronse en Fisterra á presentación-homenaxe a Don Emerito, “un dos grandes referentes da historia da vila do Cristo”, segundo o escritor local Modesto Fraga, que recolleu nun libro toda a obra de Desiderio Paz Figueroa. Unha publicación que agranda a Biblioteca da Fisterranía, da que xa forman parte Francisco Esmorís Recamán e Ramón Marcote, outros dous ilustres fisterráns que o referido autos inmortalizou en dous libros.

No acto-homenaxe, Modesto Fraga lembrou que Don Emerito chegou a Fisterra en 1909 para ocupar a praza de médico titular da localidade e, “desde ese momento, pasou a converterse no grande impulsor de todas as actividades sociais e culturais do municipio”, afirmou.

Lembrou que foi amigo de Castelao, con quen compartiu formación académica, e como poeta, Don Emerito escribiu moitos poemas ao longo da súa vida, publicando algúns deles nas revistas Nerio e Alborada, entre outras. Asemade, exerceu como correspondente de varios xornais, como El Ideal Gallego e La Noche.

En 1914 creou a comparsa Los Astrónomos e, tres anos despois, Los Diablos, “de grande éxito, que o converteron unanimemente no pai do Entroido fisterrán”, subliñou Fraga.

En 1924 fundou a Banda de Música de Fisterra, “formada por rapaces autodidactas sen apenas formación, integrada por mariñeiros, labregos e pequenos comerciantes. Dirixía a banda cun papel de xornal, a modo de batuta improvisada”, dixo.

A súa andadura chegará ata 1950, cando se disolverá debido á sangría provocada pola emigración e a posguerra. “Neste 2024 cúmprense cen anos da súa creación”, lembra.

Ademais, nos anos vinte puxo en marcha unha escola de teatro afeccionado, que representou ducias de obras clásicas de Calderón de la Barca, Lope de Vega e outros.

No ámbito relixioso, Don Emerito foi director do Coro de Santa María das Areas e de Hijas de María durante máis de cincuenta anos, “e é autor dalgunhas das composicións máis emotivas da Semana Santa de Fisterra, declarada de Interese Turístico”, destacou Modesto Fraga. É o caso das pezas Ha muerto el Redentor, Por qué en la Cruz, A la Víctima Pascual, Miserere ou a popular Danza dos paus, que o sábado se interpretou de novo no acto de presentación do libro a modo de homenaxe.

Foi ademais fundador do Centro Cultural e Recreativo Casino, da Confraría de Pescadores e da Sociedad Protectora Hijos de Finisterre.

O acto de presentación estivo presidido pola aldesa, Aurea Domínguez, e polo seu homólogo de Corcubión, Francisco Javier Domínguez, e participaron a afillada de Don Emerito, Rosario Domínguez; o poeta Roberto Traba; unha das voces do coro, Lola Ruíz; e tamén as bailarinas da Danza dos paus.