MÚSICA

The Rapants gaña o certame de bandas Último Acorde x Johnnie Walker en Madrid

A banda muradá conquistou ao público e ao xurado co seu himno 'La mítica' e cunha versión de 'El Farsante'

Actuación dos muradáns The Rapants no certame Último Acorde x Johnnie Walker, en Madrid

Actuación dos muradáns The Rapants no certame Último Acorde x Johnnie Walker, en Madrid / Lucía Poveda

J. M. Ramos

La máquina del buen rollo chegou a Madrid para coroar a The Rapants como a banda gañadora do certame Último Acorde x Johnnie Walker, celebrado o venres en La Sala do WiZink Center. Xurado e o público coincidiron de forma unánime en premiar ao grupo muradán logo da interpretación do seu himno La mítica e unha curiosa versión do tema El Farsante, de Ozuna.

The Rapants no certame Último Acorde celebrado no Wizin Center

The Rapants no certame Último Acorde celebrado no WiZink Center / Lucía Poveda

Matías, Samu, Xanma e Xaquín despregaron todo o seu talento sobre o escenario para fascinar ás e aos asistentes, que non dubidaron en berrar, con eles, o seu xa imprescindible lema Somos juapísimos. O certame, promovido polo proxecto de difusión musical Último Acorde, contou na súa final coa participación da banda muradá, ademais de Éxtasis, Marenitas e Venturi. O xurado, conformado pola artista Cris Fuertes, o produtor Guille Mostaza e o músico Noni Meyers -cantante de Lori Meyers- escolleu a The Rapants como a mellor banda desta edición.

Este sábado 27 continúa a xira de presentación de La máquina del buen rollo. The Rapants leva o seu potente directo esta tarde a Ordes, á Festa do Champiñón, mentres que o martes 30 visitará Outes para actuar no Pampallín. Xa en maio, Matías, Samu, Xanma e Xaquín formarán parte de citas como Agalega Fest (sábado 4, Muimenta), Terraceo (sábado 11, Vigo), Ourensound (venres 24) e o Festival de Cans (sábado 25, Porriño). En xuño actuarán no Surfing The Lérez e no mes de xullo e agosto serán parte do cartel do Portámerica, as Festas do Albariño e o SonRías Baixas. A seguinte cita confirmada polos rapantes é o festival Osa do Mar, en setembro, en Burela.