Raxoi sanciona a Urbaser con 14.000 euros por incumprir os pregos do contrato do lixo

O Concello xa detraeu das facturas da concesionaria arredor de 274.000 euros entre 2023 e 2024

Entre as cláusulas vulneradas pola empresa está contratación de mulleres, tan só 8 de 30 novas persoas contratadas

Colectores de lixo na zona do Ensanche de Santiago de Compostela

Colectores de lixo na zona do Ensanche de Santiago de Compostela / Jesús Prieto

Achégase a Ascensión, cuxa festividade se celebrará o vindeiro 9 de maio, e os traballadores da limpeza das rúas e da recollida do lixo de Compostela non descartan convocar unha folga, como xa fixeron o ano pasado. Un paro que daquela se desconvocou in extremis pero que pode producirse este ano, de novo, polos incumprimentos de Urbaser -a empresa concesionaria deste servizo- co persoal traballador. Uns incumprimentos que levaron tamén ao Goberno local a impoñerlle unha penalización de 14.020 euros, en base a un expediente incoado no mes de febreiro deste ano.

O anunciou facíao na mañá de onte no Pazo de Raxoi a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que tamén daba conta doutras penalizacións xa aplicadas nas facturas a Urbaser durante 2023 —deducíronselle 199.420 euros (sen IVE)— e nestes primeiros meses de 2024 aplicáronse unhas deducións de 75.779 euros. A motivación destas sacións refírese fundamentalmente a “déficits de persoal e tamén de material”, segundo explicou Sanmartín, que remarcou o interese do Goberno local por velar polo cumprimento dos pregos dos contratos municipais.

A alcaldesa detallou que o pasado 24 de febreiro o Concello abriu este expediente para a imposición de penalizacións a Urbaser, polos incumprimentos das condicións recollidas no contrato asinado o 21 de febreiro de 2022 e que entrou en vigor o 23 de maio dese mesmo ano. Trátase de escaseza de persoal, como “a presenza dun único administrativo, en lugar de dous; ou dun único técnico de produción ata o mes de xullo de 2023, en lugar de dous”, explicaba Sanmartín, e un “déficit de persoal equivalente a 500 xornadas de peóns no servizo dedicado ao varrido manual entre xaneiro e decembro de 2023”, engadiu.

A concesionaria da recollida do lixo tampouco cumpriu coa “obriga de reservar, como mínimo, o 50% das novas contratacións a mulleres”, pois na instrución constatouse que “de 30 persoas só 8 eran mulleres”. E á falta de persoal hai que engadirlle a de maquinaria, e neste punto a alcaldesa fixo referencia ao retraso na incorporación de novos camións e varredoras (na actualidade aínda queda un camión por incorporar), que no seu momento se achacou á crise de subministración de materiais

Así mesmo, Urbaser incumpriu tamén os seus compromisos en canto á reposición das illas soterradas. Das 25 que a concesionaria tiña comprometidas para o 22 de maio de 2023, provocando un “considerable atraso acumulado no plan de traballo comprometido, xa que o 31 de decembro pasado unicamente se actuara sobre 23” desas illas.

Goretti Sanmartín explicou que ademais se rexistraron “eivas na infraestrutura informática e tecnolóxica” da empresa así como “deficiencias na prestación do servizo específico de recollida de voluminosos”.

O problema dos vestiarios

A todo isto hai que engadir un compromiso adquirido por Urbaser en canto á habilitación de vestiarios, separados entre persoal masculino e feminino. Unha cuestión que tamén se atopa entre as reclamacións do persoal que agora ameaza cunha convocatoria de folga. Segundo os traballadores da recollida do lixo e da limpeza, esta problemática arrástrase dende 2016 e estaba recollida nun dos seis puntos de acordo entre o cadro de persoal e a empresa. Segundo denuncia a CIG, ademais, o vestiario que está situado na rúa Pitelos, “non cumpre coas medidas mínimas de seguridade e hixiene”. 

Para os traballadores de Urbaser, que mantiveron senllas xuntazas co Concello e coa empresa, a principal conclusión que extraen é cada un delas achácalle “a culpa ao outro”.

Suscríbete para seguir leyendo