Os traballadores da recollida do lixo de Santiago ameazan con folga: "Urbaser non cumpre o pactado"

Aseguran que pese a promesa de habilitar vestiarios, homes e mulleres teñen que seguir compartindo o mesmo espazo

Contedores do lixo na zona vella de Santiago de Compostela

Contedores do lixo na zona vella de Santiago de Compostela / Jesús Prieto

Redacción

Os traballadores de recollida do lixo de Santiago volven ameazar cunha convocatoria de folga. O servizo desconvocou in extremis o ano pasado a medida de presión que ían activar coincidindo coas festas da Ascesión. Pero trascorridos once meses desde que chegasen a un acordo coa concesionaria, Urbaser, aseguran que non se está a cumprir o pactado. “O comité non descarta mobilizacións, ou mesmo ter que recorrer á convocatoria de folga, para resolver a situación”, sinalou onte o sindicato CIG. 

O comité lembra que un dos seis puntos máis relevantes daquel acordo era a “posta en funcionamento de dous vestiarios”. Denuncia que, porén, “40 compañeiras e compañeiros seguen a compartilo” e aseguran que “o máis penoso é que segue aberto un vestiario situado na Rúa Pitelos que non cumpre coas mínimas medidas de seguridade e hixiene”. Os representantes dos traballadores explican que a semana pasada se celebraron dúas xuntanzas, unha co Concello e outra coa empresa da que saíron coa mesma resposta de ambas: “A culpa é do outro”. Entenden que no ano 2024 todas as traballadoras e traballadores “teñen dereito a ter un vestiario onde non teñan que compartir o mesmo espazo mulleres e homes e onde cada quen teña unha taquilla e unha ducha en condicións”. 

Retirada de vehículos

O comité de empresa tamén amosa o seu rexeitamento as modificacións do servizo de recollida de lixo que ten previstas a empresa. Nas reunións mantidas, explicouselles que se retirará un dos dous peóns de carga traseira no servizo de recollida de lixo na quenda de noite. Ademais, eliminarase un peón de carga lateral en parte dos percorridos. Estas modificacións, suliña a CIG, van supor “unha merma no servizo que prestamos” e “unha carga importante para os compañeiros e compañeiras”.

Desde o comité queren manifestar o seu “malestar con ambas as dúas situacións, xa que o dos vestiarios vense alargando desde o ano 2016 —cando entrou a primeira muller varredora— e a de reorganización dos servizos”. E xunto a estas, o outro punto é que a empresa ofertou en 2021 para mellorar o servizo e que “entendemos que o empeora considerablemente”.

Hai un ano os traballadores denunciaban que o servizo de recollida do lixo non dispuña da maquinaria, camións e vehículos varredores suficientes. Tamén que a empresa non cumpría con todas as medidas de conciliación.