Os traballadores de Urbaser desconvocan a folga do 15 maio tras un principio de acordo coa concesionaria da limpeza

O comité de empresa vota en asemblea a aceptación do preacordo que resolve os problemas de vestiario e de gardas

Colectores móbiles en San Roque

Colectores móbiles en San Roque / JESÚS PRIETO

O comité de empresa de Urbaser acordou en asemblea, ao mediodía deste sábado, desconvocar a folga do lixo que tiña prevista, de xeito indefinido, a partir do 15 de maio, coincidindo coas Festas da Ascensión. A decisión adoptouse ao aceptaren o preacordo no que a empresa concesionaria do servizo de limpeza urbana atendía boa parte das reividicacións de traballadores. Urbaser respostaba así peticións das traballadoras relativas aos vestiarios femininos e tamén aos gardarroupas situados na rúa dos Pitelos, ao servizo de repaso ou garda e á recollida de lixo do casco histórico. Ricardo Méndez, representante do comité de empresa, debullou as novas condicións do precontrato para EL CORREO GALLEGO. “A primeira das peticións que se atenderon foi a dos vestiarios das compañeiras que se tiñan que cambiar na nave de Urbaser e que compartían espazo cunha especie de almacén de material”, indicou Méndez; “agora ese espazo está limpo”, asegura.

Outra das peticións de traballadores e traballadoras era a mellora das condicións dos vestiarios situados na rúa dos Pitelos, unhas deficiencias que se viñan dando dende o principio da contrata, sinala o representante do comité. “Os vestiarios dos Pitelos carecían de calefacción e mesmo nalgunha ocasión de auga quente”, explica Méndez, “agora temos compromiso e datas para a ocupación de novos vestiarios, en dous meses estará listo o primeiro e en catro o segundo”.

O servizo de repaso ou de garda era outra das reivindicacións dos traballadores da recollida do lixo. “Urbaser quería suprimir este servizo e buscar unha compañía externa”, explica Ricardo Méndez, “e chegamos a un punto de consenso polo que aquel traballador que queira facer o servizo pode solicitalo voluntariamente e o que non se cubra deste modo farase a través de contratacións de carácter temporal”.

En relación ás contratacións tamén houbo acordo. “Nun comezo”, indicáballe Méndez a este xornal, “había unha bolsa de traballo para substitucións, con contrato indefinido por orde de chegada que deixou de funcionar e agora retómase”.

Os últimos dous puntos de consenso foron os relativos á recollida 24 horas e á da zona vella, que neste útlimo caso estaba subcontratada e agora “vólvense convocar as tres prazas para a xente que xa integra o cadro de persoal e que pode concorrer libremente a elas”.

Finalmente, a atención do servizo 24 horas obrigaba a traballar, a pesar de que non se recollía no convenio, e neste punto acadouse o acordo de que “aquelas persoas que fagan este servizo de 24 horas, xa que non se eliminou ese traballo, recibirán a cambio unha compensación”.