A residencia de estudantes do antigo hospital de Galeras funcionará como hotel durante o verán
Contará con 400 habitacións individuais que costarán unos 900 euros ao mes
A xestión do espazo suporá a creación de 50 postos de traballo
Bestinver investirá 10 millóns de euros en rehabilitar un inmoble en desuso dende hai dúas décadas
![O vello hospital de Galeras en Santiago xa está en obras](https://estaticos-cdn.prensaiberica.es/clip/03bac40d-a086-41a5-8e24-71c8a4261813_16-9-discover-aspect-ratio_default_0.jpg)
O vello hospital de Galeras en Santiago xa está en obras / Antonio Hernández
As obras de reconstrución do antigo edificio do hospital de Galeras xa están en marcha. A previsión é que funcione a partir do curso 25-26 como residencia de estudantes cun total de 400 habitacións. A nova instalación tamén operará como hotel, principalmente durante os veráns. Nunha rolda de prensa celebrada onte no Hostal dos Reis Católicos, o director de investimento da área inmobiliaria de Bestinver, Enrique Sánchez-Rey, desvelou que tras analizar o mercado residencial privado da cidade, cada praza custará uns 900 euros ao mes. Unha cantidade similar, engadiu, á solicitada por outras residencias particulares da cidade.
O novo inmoble contará con 400 habitacións individuais, de catro categorías. As máis grandes incluso terán unha pequena sala de estar e servizo de cociña. Ademais, construiranse zonas comúns tanto para o estudo como para o desenvolvemento doutro tipo de actividades e un restaurante e cafetaría que pretenden abrir tamén ao resto da comunidade universitaria que non estea aloxada no centro. As áreas comúns incluirán salas de estudo/coworking, lavandaría e ximnasio. “Buscamos coidar o residente e que sexa o máis completa posible”, suliñou Enrique Sánchez-Rey.
![Recreación virtual da residencia universitaria que Bestinver construirá no barrio de Galeras](https://estaticos-cdn.prensaiberica.es/clip/6baa0eda-5c8a-4d4f-a0c9-87decb9a6a7f_alta-libre-aspect-ratio_default_0.jpg)
Recreación virtual da residencia universitaria que Bestinver construirá no barrio de Galeras / Cedida
Licenza
Bestinver, o fondo de investimento de Acciona, solicitou a licenza ao Concello de Santiago o pasado mes de agosto. Raxoi adxudicouna a finais de abril e as obras comezaron de inmediato. A estrutura do antigo hospital de Galeras estase a reforzar na actualidade tras estar máis de vinte anos abandonado. A reforma do inmoble suporá un investimento de preto de 10 millóns de euros, aos que haberá que sumar o equipamento do inmoble. O prazo de execución das obras estímase en 18 meses. A construtora Acciona é a encargada da rehabilitación do inmoble, que “ten un carácter emblemático que queremos manter”, aseverou o director de Bestinver Activos Inmobiliarios. O edificio, de algo máis de 12.700 metros cadrados, ten partes catalogadas patrimonialmente que se van manter (como a fachada, a escalinata ou unha fonte ornamental) e a parte exterior non sufrirá grandes modificacións. A zona inferior terá un zócolo acristalado “para darlle algo de creatividade arquitectónica ao proxecto”.
Sánchez-Rey suliñou que tras meses de traballo por fin se pon en marcha un proxecto que seguirá “pontenciando o carácter universitario de Santiago”. Da xestión da residencia ocuparase a nova sociedade Lemonade Fresh Living, operada por SmartRental Group, que xestiona xa máis de 3.000 prazas de aloxamento en varias cidades como Barcelona, Madrid e Valencia. “Non só queremos vender aloxamentos, queremos vender experiencias”, indicou Francisco García, socio fundador e presidente executivo de SmartRental Group. García resaltou que a intención é que o novo equipamento sirva para dinamizar o barrio de Galeras e que se fagan “eventos” nos que participen os veciños. A nova residencia, explicou, suporá a creación de preto de 50 empregos directos vinculados coa xestión do día a día.
Expectativas
A idea de Bestinver é que o centro sexa principalmente unha residencia universitaria e que a partir de setembro de 2025 estean ocupadas as 400 habitacións. Pero fundamentalmente nos veráns o vello hospital de Galeras poderá funcionar como hotel, primeiro pensado para estancias curtas vinculadas a cursos de verán da Universidade de Santiago, pero tamén aberto a todo tipo de viaxeiros, incluídos os coñecidos como “nómadas dixitais” que pasan tempadas teletraballando. “Vai ser principalmente unha residencia”, indicou Sánchez-Rey. A xestora de fondos de Acciona confía en que a nova oferta residencial se cubra sen problemas, dado que en Santiago hai un déficit de prazas. “Hai uns 20.000 universitarios e 1.600 prazas para este curso”, subliñou o director da área inmobiliaria.
“Moverémonos na contorna dos 900 euros/mes, un prezo similar a outras residencias privadas como A Estila, San Agustín ou Xelmírez”, explicou Sánchez-Rey. Haberá distintas posibilidades que inclúan pensión completa ou non. O edificio non contará con prazas de aparcamento, pero xa se chegou a un acordo co párking que se sitúa en fronte para os alumnos que desexen incluír este servizo.
Vinte anos de abandono
O pasado 2 de xuño cumpríronse 20 anos desde que o hospital de Galeras deixou de funcionar. Tras dúas poxas públicas que quedaron sen efecto e despois de que o Concello, durante o mandato de Martiño Noriega, modificase o plan urbanístico da cidade para facilitar a venda, o 20 de xaneiro de 2017 a Universidade de Santiago conseguiu formalizala. A compradora foi a empresa galega Asteriscos Real Estate, que se comprometeu a pagar 7,2 millóns de euros a prazos. Pero a venda acabou no xulgado xa que Asteriscos se negou a pagar unha última cota de apenas 179.341,50 euros máis os xuros polo mal estado do edificio, que xa fora declarado ruína. Finalmente, a principios de xuño, a USC e o comprador chegaron a un acordo. Asteriscos pagaría á institución académica 30.000 euros e podería pecharse a venda. Poucas semanas despois, o edificio volveu cambiar de mans. Asteriscos vendíalla a Bestinver por uns 11 millóns de euros. O investimento total do fondo de Acciona na compra e na rehabilitación do inmoble suporá pois un investimento total superior aos 21 millóns de euros.
Suscríbete para seguir leyendo
- El Correo Gallego - Diario de la capital de Galicia
- La lluvia reaparece en el verano de Galicia: este es el pronóstico de MeteoGalicia para el fin de semana
- La misa y ofrenda floral en honor a Rosalía de Castro congregan a más una treintena de instituciones gallegas
- Dos menores heridas en Muros al saltar desde un puente cuando pasaba un barco por debajo
- Impresionante chalet de ensueño en Santiago de Compostela: a 10 minutos del centro y 30 de la playa, todo un lujo a buen precio
- Esta es la aldea gallega que se encuentra al borde de los acantilados más altos de Europa: en la provincia de A Coruña
- La ola de calor se atenúa en Galicia: el alivio será temporal porque así se prevé el tiempo
- Os premios Alba de Compostela conseguen unir a todos os membros da Corporación local