Santiago

Sen acordo entre empresa e traballadores: a folga de Iberia continúa no aeroporto de Santiago con máis cancelacións

O xoves foron suspendidos catorce voos e este venres está previsto que non poidan saír outros nove como mínimo

O persoal denuncia que “fixeron caso omiso ás nosas reivindicacións”

Concentración da UGT no aeroporto de Santiago

Jesús Prieto

A folga do persoal de Iberia en Lavacolla continúa e provocará este venres a cancelación de como mínimo nove voos despois de que na xornada do xoves non puideran saír outros catorce. A primeira hora desta mañá non poderá despegar un voo de Vueling con destino a Barcelona, pero a conexión máis afectada é a de Madrid, xa que catro viaxes de ida e outras tantas de volta non se levarán a cabo, dúas de Iberia e outras dúas de Air Europa. O paro dos traballadores seguirá despois de que onte protagonizaran unha concentración e de que non se produciran novidades na postura que mantén a empresa.

O delegado sindical de UXT en Iberia Santiago, Roberto Rivas, sinalou que tanto Iberia como a nova compañía que se fai cargo dende onte do servizo de asistencia en terra, South Europe Ground Services (SOEGS), “fixeron caso omiso ás nosas reivindicacións”. Rivas considera que “temos unha carga de traballo desmesurada”, sobre todo desde o pasado 6 de maio, cando Lavacolla comezou a asumir o 60% das operacións de Peinador polas obras de asfaltado da pista que obrigaron a pechar o aeroporto vigués ata o día 31.

Menos contratacións das reclamadas

Desta maneira, Rivas denunciou que “hai xente de adminsitración que está marchando dos turnos chorando, con quendas desde as 5 da mañá ata as seis da tarde”. Ademais, na rampla “estamos cargando avións con dúas persoas nada máis”. Iberia contratou oito persoas para as tarefas de carga e descarga, mentres que os traballadores reclamaban 20. No departamento administrativo, o sindicato propuxo incorporar 15 persoas e a oferta da empresa foi de catro reforzos que chegarían o día 13, pero segundo Rivas non o fixeron.

Por todo isto, “non houbo absolutamente ningún achegamento de posturas coa empresa”, relata o sindicalista, que sinala que fixeron unha videoconferencia o mércores co xefe de escala e un dos dirixentes da nova compañía, pero non serviu para acadar un acordo que levara a desconvocar a folga.

Na pel dos usuarios

Rivas amosouse “contento” coa repercusión que está tendo o paro. “Dado que os servizos mínimos son máximos, porque temos máis xente traballando incluso que en días normais, a verdade é que a convocatoria foi boa. Houbo voos retrasados e cancelados”, remarca. O delegado sindical tamén lamenta que os usuarios sexan “os que paguen o pato, porque me poño na pel de alguén que tiña tres días, que non teña oportunidade de voar en hora ou que se cancele o voo por culpa dunha mala xestión por parte de Iberia e da nova compañía, que sabían isto de fai moitos meses”. Deste xeito, engade que a folga “é unha medida extrema, pero hai tempo que viñamos avisando”.

As advertencias ás que se refireveñen producíndose nos últimos catros anos, nos que “vimos pasando veráns moi complicados” debido ás “carencias de persoal”. Rivas explica que cando pase o 31 de maio e o aeroporto de Vigo volva estar operativo, no Rosalía de Castro “seguiremos igual” porque considera “insuficientes” as contratacións realizadas e ademais os reforzos só permanecerán ata esa data. Despois diso, “ou negociamos ou volveriamos á normalidade que temos habitualmente, que tamén é cun traballo desmesurado e a xente que hai non chega”, afirma Rivas.

Transferencia polémica

A transferencia de operacións de Vigo a Santiago polas obras en Peinador estivo marcada pola polémica desde que se deu a coñecer. O punto culminante está sendo esta folga, que está deixando a centos de pasaxeiros en terra, pero antes xa se produciron discrepancias.

Tanto UXT como a CIG denuncian tamén o colapso do aparcamento da terminal compostelá e a falta de alternativas de transporte público para os viaxeiros chegados desde a cidade olívica. Nun primeiro momento, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciara un servizo de autobuses lanzadeira á terminal compostelá, pero despois solicitou á Xunta que os habilitase. Lavacolla acabou asumindo as operacións de Peinador sen ningún servizo extra de transporte público. Aos tres días, a administración galega puxo tres autobuses diarios de Vigo a Santiago e outros tres de volta.

Os sindicatos critican que a situación que se vive en Lavacolla durante estas semanas era previsible desde hai meses, pero nin as compañías áeras, nin as empresas de servizos, nin Aena tomaron medidas.